O Galiverso empeza aquí

O Galiverso empeza aquí é unha iniciativa da Xunta de Galicia que emprega as tecnoloxías inmersivas e de realidade virtual co obxectivo de amosar o noso patrimonio material e inmaterial (artístico, industrial, arquitectónico, natural, etc.) dun xeito diferente. Sen saír da Cidade da Cultura, poderedes viaxar en globo polo escarpado Canón do Sil, ollar A Coruña desde o alto da lanterna da Torre de Hércules ou descubrir o templo romano de Santa Baia de Bóveda, entre outras experiencias.

Hai lugares que só poderedes visitar entrando no Galiverso, como a Cripta do Apóstolo, —pechada ao público xeral na propia Catedral de Santiago— e outros que polas súas características ou localización non resultan fáciles para as persoas con dificultades de mobilidade, como os tellados da Catedral de Tui. O uso da realidade virtual facilita gozar deles dunha maneira única, accesible e respectuosa coa súa conservación.

O Galiverso empeza aquí é unha ventá aberta ao futuro Centro de Artes Dixitais de Galicia que permite á cidadanía galega e ás persoas visitantes participar deste camiño de creación dun centro pioneiro en España, e poñer en valor o potencial das nosas industrias culturais e creativas nas contornas virtuais.

12 experiencias

Na Cidade da Cultura poderán vivirse 12 experiencias diferentes de realidade virtual que percorren as catro provincias galegas:

  • O solpor desde o Faro de Fisterra
  • O interior da lanterna da Torre de Hércules (A Coruña)
  • A cripta do Apóstolo en Santiago de Compostela
  • A muralla romana de Lugo
  • A torre de Xiá en San Paio de Narla (Lugo)
  • O templo romano soterrado de Santa Baia de Bóveda (Mera, Lugo)
  • O interior dunha palloza no Cebreiro (Lugo)
  • O Mosteiro de Santa María a Real de Oseira (San Cristovo de Cea, Ourense)
  • O canón do Sil entre as provincias de Ourense e Lugo
  • O Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil (Ourense)
  • Os tellados da Catedral de Tui (Pontevedra)

O Galiverso seguirá a expandirse no futuro incorporando novas experiencias vinculadas non só ao patrimonio e ao turismo, senón á ciencia e á experimentación. Tamén está previsto que percorra outros museos e bibliotecas de Galicia, así como os Polo Creativos dos centros de ensino galegos.

Acceso libre e de balde

O Galiverso está aberto no andar 0 do Museo Centro Gaiás, de martes a venres en horario de tarde de 16.00 a 20.00 horas, así como sábados, domingos e festivos (excepto luns), de 11.00 a 14.30 e de 16.00 a 20.00 horas. A visita é gratuíta e non é necesario reservar praza.

A sala dispón de 3 postos individuais con cadanseu equipo de realidade virtual, que poden operar de maneira simultánea. Un mapa virtual de Galicia permite seleccionar as experiencias, que van acompañadas de textos e audios explicativos en galego, castelán e inglés.

A duración de cada sesión individual é duns 20 minutos máximo e durante a mesma poden vivirse unha ou varias das experiencias de realidade virtual ofertadas. O límite de tempo obedece tanto á intención de evitar a fatiga asociada cun uso máis prolongado dos lentes de realidade virtual como de facilitar que o maior número de persoas poida acceder ao Galiverso.

 
Exposicións
 
27 Set - 18 Dec de 2022
De 10.00 a 20.00 horas
21 Out 2022 - 17 Abr 2023
De martes a domingo | De 10 a 20 h
11 Nov 2022 — 9 Abr 2023
De martes a domingo | De 10 a 20 h
De Nov 2022 a Mai 2023
De 9.00 a 21.00 horas
18 Nov 2022 a 28 Xan 2023
De 11.00 a 20.00 horas
21 Nov 2022 a Xan 2023
De 9.00 a 21.00 horas