Vivimos en sociedades complexas, plurais e en constante cambio. A cultura contemporánea é a cada paso máis mestiza. Para comprender as claves e tendencias de hoxe precisamos dunha visión panorámica que supere as vellas fronteiras do saber, conxugando a un tempo os enfoques científico e humanístico.
O ciclo NEXOS propón un diálogo entre a literatura e outras áreas de coñecemento, sexan a ciencia, as artes, o pensamento ou a sociedade. Ao longo de cinco sesións abordaranse temas de actualidade ou inmemoriais, pero sempre tomando como fío condutor o eido literario para a continuación abrirnos a unha conversa fluída con outras disciplinas.
Herdeiro do "Galicia, Ceo das Letras", e coordinado por Marcos Lorenzo, o novo ciclo combinará relatorios, retruques e actuacións artísticas, achegándonos reflexións estimulantes desde un formato ameno e distendido. Para non perder o costume, as mañás dos sábados.
Nesta primeira edición de NEXOS exploraremos o universo filosófico de Rayuela (a peza mestra de Julio Cortázar), a irrupción do ollar feminista da man de Clarice Lispector e Virginia Woolf, o controvertido papel do deporte na sociedade actual, o devir e horizontes da cultura labrega e a capacidade corrosiva do humor fronte a toda afectación e solemnidade.
Cinco sesións que actuarán a un tempo sobre o intelecto e os sentidos, excitando a nosa curiosidade e ofrecendo novas perspectivas sobre a realidade que nos toca vivir.





