O longo devalo da cultura labrega

A labrega é unha cultura de vello, decantada ao longo de séculos de interacción entre as comunidades humanas e a contorna natural. Esa estreita relación entre o ser humano e a terra, amén das circunstancias históricas, deron pé en Galicia á creación dunha rica, mesta e peculiar antropoloxía, a unha forma de estar no mundo.

O proceso de modernización do país supuxo o paulatino abandono do agro en favor das vilas e cidades, e a substitución daquela cosmovisión tradicional por outros coñecementos e imaxinarios.

Nesta sesión preguntámonos, da man de Uxío Novoneyra, canto daquel mundo aínda subsiste, e desde un ángulo máis técnico ou científico, que lle agarda ao noso agro no futuro inmediato.

Programa

12:00 | Relatorio: Olga Novo

Poeta, ensaísta, tradutora e profesora de galego na Universidade da Alta Bretaña e de literatura na Universidade de Bretaña Sur. No ámbito poético gañou o Premio Losada Diéguez en 1998 e o Premio da Crítica Española en 2011. Como investigadora recibiu, entre outros, o Premio Ánxel Fole en 2004 polo libro "Uxío Novoneyra. Lingua Loaira" (Fundación Caixa Galicia, 2005).

12:45 | Exposición: Xoán López Facal

Enxeñeiro industrial e economista, foi director financeiro de SODIGA, membro do equipo redactor de “A economía galega” (CIEF – Caixa Galicia) e deputado no Parlamento Galego polo PSG-EG. Un dos intelectuais galegos de referencia, posuidor dunha sólida formación humanística.

13:15 | Contacontos: Celso F. Sanmartín

Alén dun extraordinario poeta, Celso é quizás o narrador galego con maior raizame na cultura labrega e sen dúbida dos máis inspirados de hoxe. Nesta sesión fiará un feixe de historias tenras e trastes que nos evocan á aldea no tempo dos nosos avós.  

 
Letras & Pensamento
 
25 — 29 Ago 2024
PRAZO DE INSCRICIÓN ABERTO ATA 24 MAI
Ata 19 Mar 2024
Convocatoria pechada