A vida como competición

O deporte é hoxe un fenómeno de masas que mobiliza inxentes recursos económicos e provoca acaloradas discusións nas rúas e cafés.

Baixo eses debates adoita agocharse un cruce de cosmovisións. Non en van, os grandes heroes deportivos e os seus fitos son con frecuencia munición para a propaganda política, a identidade territorial (“a guerra por outros medios”) e mesmo sustento de ideoloxías que glorifican a saúde, a competición e o trunfo dos mellores.

Non é de estrañar que esta manifestación da cultura popular suscitase o interese de literatos e artistas, das odas olímpicas de Píndaro aos poemas de Rilke, Cendrars ou Eluard, dos manifestos de Marinetti ás pezas musicais de Satie ou Debussy.

Programa

12:00 | Relatorio: Santiago Segurola

Un dos máis prestixiosos xornalistas deportivos de España, colaborador habitual en faladoiros radiofónicos de máxima audiencia. Foi redactor xefe das seccións de deportes e cultura en El País. Posteriormente incorporouse a Marca como adxunto ao director. Vén de publicar unha recompilación das súas mellores crónicas no libro Héroes de nuestro tiempo (Debate, 2012).

* Aviso: por causas alleas á organización do ciclo, o escritor Manuel Rivas non poderá acompañarnos nesta sesión. No seu lugar contaremos coa presenza do poeta Xulio L. Valcárcel.

12:30 | Relatorio: Xulio L. Valcárcel

Poeta, narrador e ensaísta, exerce no ámbito profesional como procurador dos Tribunais da Coruña. A súa poesía atópase entre as máis selectas da xeración dos oitenta, sendo traducida a diversos idiomas e tendo acadado numerosos recoñecementos, entre os que destacan o Premio da Crítica Española (en 1994 e 2004) e os premios Celso Emilio, Antón Tovar e Miguel González Garcés. Grazas ao seu intenso labor de divulgación literaria en prensa e radio foi merecedor do premio "Irmandade do Libro", que outorga a Federación de Libreiros de Galicia.

13:15 | Proxección audiovisual

Colaxe composto polo Centro Galego de Artes da Imaxe para este ciclo a partir dunha escolma de imaxes históricas vinculadas ao deporte en Galicia. Fútbol, traíñas e estampas sociais extraídas do NO-DO e outras fontes documentais entre os anos 20’ e a década dos 60’ do pasado século.