Nadal no Gaiás 2021

Este será un Nadal moi especial despois da situación excepcional que vimos de vivir nos últimos tempos e, aínda máis, para os galegos e os composteláns que celebramos un Xacobeo extraordinario con continuidade no 2022. Con moita ilusión, a Cidade da Cultura quere mergullarse na maxia propia destas datas, acompañada dese outro universo máxico ao que nos transporta o Camiño de Santiago.

Este será o noso marabilloso inverno no camiño, que fará later e brillar o alto do Gaiás cun paseo entre luces que percorrerán o corazón do complexo ata o seu cumio, coroado por unha grande árbore de luz visible desde diversos puntos da cidade de Compostela. No interior, o Hall de Tirantes do Museo Centro Gaiás convértese nun paraíso invernal con bólas de neve grandes e pequenas que recrean as paisaxes, monumentos e cidades das diferentes etapas do Camiño de Inverno e do Camiño Francés.

Non só a luz enche de vida o Nadal, tamén os sons, e iso non faltará grazas á gran cita musical protagonizada pola Orquestra Sinfónica de Galicia coa que actuará a recoñecida cantaora Marina Heredia. Para os máis pequenos e pequenas, a Cidade da Cultura trae neste decembro obradoiros de maxia, ademais dun espectáculo cheo de divertidos trucos, unha obra de teatro na que nos visitarán uns elfos procedentes do Polo Norte, e volve tamén o noso tradicional concurso de postais. Para xaneiro chegará o Circo de Nadal cuns animais moi particulares que a bo seguro entusiasmarán á cativada. Non o perdades, seguide o Camiño!

Bola NadalO marabilloso Camiño de Inverno
Museo Centro Gaiás | Andar 0
Do 18 de decembro 2021 ao 6 de xaneiro 2022
Entrada de balde | De 10 a 20h

A maxia, o Nadal e o Camiño van da man no Hall de Tirantes do Museo Centro Gaiás, grazas á instalación da deseñadora e escenógrafa galega, recoñecida internacionalmente, Ana Inés Jabares-Pita. Globos de neve a escala humana con elementos representativos do Camiño de Inverno e do Camiño Francés crean unha paisaxe máxica que nos guía por lugares emblemáticos da Ruta Xacobea.

 

Concerto Orquestra Sinfónica de Galicia con Marina Heredia
Museo Centro Gaiás | Andar -1
17 de decembro ás 19.00 horas

Entradas: 5€, á venda en Ataquilla.com [ENTRADAS ESGOTADAS]

Ao igual que non se pode entender un Nadal sen luz, tampouco se entende sen música. E quen mellor para poñer son nestas datas no Gaiás que a Orquestra Sinfónica de Galicia, que interpretará obras de Federico García Lorca e Manuel de Falla. Dirixida por José Trigueros, o seu director asociado, contará co acompañamento da cantaora Marina Heredia.

 


Tardes de maxia | Ilusións do Camiño
Museo Centro Gaiás | Andar -1
Obradoiros (3€): 22,23,28 e 29 de dec ás 16.30 horas
Función (5€): 27 de decembro ás 18.00 horas 
Entradas á venda en Ataquilla.com [ESGOTADAS PARA A FUNCIÓN DO 27]

A maxia do Camiño neste Ano Xacobeo e a maxia do Nadal únense no Gaiás. A cativada poderá participar en catro obradoiros, nos que os trucos se centrarán sobre lendas e historias con especial énfase na ruta portuguesa, e dunha función especial.

  

Concurso infantil de postais de Nadal
Para cativada de 0 a 9 anos 
Prazo de recepción de postais: ata o 27 de decembro 
Preme para máis información 

Este Nadal volve o concurso de postais para a cativada máis creativa: animádevos a imaxinar e deseñar en familia a vosa paisaxe de Nadal a partir do bosquexo que vos propoñemos. As máis orixinais recibirán un convite familiar para o espectáculo do 'Circo de Nadal', onde recollerán un agasallo sorpresa.

 

 

Teatro "Os trasnos do Nadal"
Biblioteca de Galicia | Auditorio
18 de decembro ás 17.00 horas

De balde, previa inscrición AQUÍ [PRAZAS ESGOTADAS]

A Biblioteca de Galicia propón para os nenos e nenas un animado cabaré centrado na temática de Nadal, con 7 elfos en escena. Neste teatriño, onde se escoitarán panxoliñas tradicionais galegas, estes seres máxicos que axudan a Papá Noel en Laponia terán que solucionar un descoido do Reno Rodolfo que os deixou esquecidos na Cidade da Cultura.

 

 

Circo de Nadal
Museo Centro Gaiás | Andar -1
3 de xaneiro de 2022 ás 18.30 horas

Entradas: 5€, á venda en Ataquilla.com [ENTRADAS ESGOTADAS]

Espectáculo da compañía La Fiesta Escénica cunha coidada escenografía que traerá o Circo de Nadal á Cidade da Cultura, no que se poderán ver os seus famosos osos polares animatrónicos, animais artificiais creados especificamente para as pistas de circo e coa aparencia e o movemento de animais de verdade. Ademais, non faltarán as acrobacias e espectáculos aéreos.


 
En familia