Este Nadal, a Cidade da Cultura convértese nun lugar onde todo é posible. Música, teatro, xogos, obradoiros, concursos… Diversión, lecer e aprendizaxe mistúranse nun completo programa pensado para participar en familia.
Grandes e pequenos poderán traballar man a man en cinco obradoiros nos que combinar tradición e novas tecnoloxías, con grandes doses de imaxinación e diversión asegurada: A árbore das ilusións, Dalle á manivela polo Nadal, Baile de Xogos, Cine de plastilina e O meu videoclip.
O cine galego tamén estará moi presente a través de Gaiás, cámara, acción!, visitas familiares nas que coñecer dunha forma lúdica a exposición Cinegalicia25. O Nadal no Gaiás tamén servirá para viaxar ao son dos Pinker Tones ao Círculo Polar cos divertidos personaxes Rolf e Flor e para descubrir as sorpresas que teñen preparadas para nós os protagonistas de Al tun tun.
O programa contará, un ano máis, co concerto solidario Cancións por regalos, que este ano estará a cargo de Nacho Mastretta e a súa banda. E para redondear este Nadal, a Cidade da Cultura anima aos máis pequenos da casa a ser parte activa desta celebración a través dun concurso de postais e facer dela a felicitación máis ocorrente destas festas.

