Trae un regalo, goza da música e fai feliz a un neno. O vindeiro 3 de xaneiro ás seis da tarde, a Cidade da Cultura acolle unha nova edición de Cancións por regalos, que este ano estará protagonizado por un músico excepcional: Mastretta.
Acompañado dunha divertida banda (Marina Sorin, violonchelo e phonoviolín, Pablo Novoa á guitarra e Coke Santos á percusión), Mastretta convida a pais e fillos a gozar da música a través de xogos nos que converterse en intérpretes, directores de orquestra ou bailaríns
Unha iniciativa redonda na que, como sempre, todos gañan: ti levas para casa unhas cantas cancións para o recordo e os nenos que máis o necesiten terán unha sorpresa o Día de Reis, o regalo que ti elixas como entrada.
