1989 é unha data clave para o cine galego. Sempre Xonxa de Chano Piñeiro, Continental de Xavier Villaverde e Urxa de Carlos A.L. Piñeiro e Alfredo García Pinal, as tres primeiras longametraxes de ficción galegas, estreáronse do 23 ao 26 de novembro do 89 en Vigo, marcando o inicio dun prometedor futuro para o audiovisual do noso país. Vinte e cinco anos despois, a Cidade da Cultura quere renderlle unha pequena homenaxe aos profesionais que o fixeron posible a través da mostra Cinegalicia25.
A exposición, que ocupa o terceiro andar do Museo Centro Gaiás, fai un percorrido polo que foi o noso audiovisual nestes 25 anos, co aporte previo da nutrida traxectoria iniciada en 1896, cando as primeiras proxeccións do Cinematógrafo en Galicia; e unha ollada cara ao futuro.
Vinte e cinco é a cifra temporal de referencia, que tamén traza un acoutamento imaxinario noutras tantas relevancias presentes en seis seccións, a xeito dunha radiografía sobre o sector:
- Cine Galego revisa o audiovisual a través das longametraxes como formato principal.
- Rodado en Galicia expón os filmes alleos recollidos na nosa contorna paisaxística e monumental.
- Ficcións televisivas amosa a TVG como o motor da produción propia.
- 25 pezas máis… recolle outros formatos, como a animación ou o documental, tan importantes no pulsar da creación audiovisual.
- Cine de papel ofrécelle ao público a abondosa e fundamental aportación historiográfica e teórica ao noso audiovisual.
- Contornos plasma os diferentes sectores da sociedade que se encargaron de converter o audiovisual non só nunha industria, senón en expresión dunha cultura diferenciada.

34.64 KB |