Música, teatro, xogos, obradoiros, concursos… Este Nadal, a Cidade da Cultura quere celebralo cun programa co que deixarse levar pola imaxinación e darlle renda solta á creatividade
Diversión, lecer e aprendizaxe mistúranse nunha completa selección de actividades pensada para participar en familia. Grandes e pequenos poderán converterse en cosmonautas e adentrarse nun planeta descoñecido, elaborar a súa propia bóla de cristal nevada, converter o 2013 nun exclusivo álbum de recordos ou participar na primeira revista musical infantil: Simplicissimus.
Un programa que contará, un ano máis, con Cancións por regalos, un concerto especial no que todos saen gañando: o espectador unhas cantas cancións para o recordo e aqueles que máis o necesiten unha sorpresa o Día de Reis: o regalo que elixas como entrada. Desta volta, a sesión será dobre coa ópera rock infantil Bababum e unha actuación do máis divertido: a de Candela y Los Supremos.
E para que pasedes unha tarde do máis completa, Mel de Galicia e o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) ofrecerán de balde unhas deliciosas merendas con bolechas de nata, doces ecolóxicos, leite e mel durante os espectáculos Simplicissimus e Cancións por regalos.
Para redondear o programa, a Cidade da Cultura anima aos máis pequenos da casa a ser parte desta celebración a través dun concurso de postais no que imaxinar o seu propio Nadal do Gaiás e facer dela a felicitación máis ocorrente destas festas.
Vive o Nadal no alto do Gaiás!









