Obradoiro de técnicas de gravado e estampación

Con motivo do Día da Ilustración que se celebra nas Bibliotecas públicas de Galicia este xoves 30 de xaneiro, a Cidade da Cultura acolle un novo obradoiro de técnicas de gravado e estampación para persoas a partir de doce anos.

Durante dúas horas, os participantes terán a oportunidade de facerse coa técnica do gravado en oco (punta seca), a máis directa de todas as técnicas calcográficas, cun aspecto semellante ao dun debuxo a lapis. Da man da escultora e grabadora Marga Crespo, os participantes neste obradoiro aproximaranse tamén ás técnicas aditivas, técnicas de arte gráfico nas que a imaxe da estampa se crea a partir da adición de materiais sólidos a un soporte ríxido.