Cancións por regalos

Trae un regalo, goza da música e fai feliz a un neno. O vindeiro 4 de xaneiro ás cinco da tarde, a Cidade da Cultura acolle unha nova edición de Cancións por regalos, o concerto solidario co que poder achegarte á música pop ao tempo que axudas aos que máis o necesitan.

Nesta terceira edición, as bandas pop cámbianse por dous espectáculos musicais de luxo: a ópera rock infantil Bababum e un concerto con Candela y Los Supremos, a nena indie que está revolucionando a industria musical. 

  • Bababum: Se vos gustou o caderno de vacacións Bababum, non vos podedes perder a súa ópera rock infantil. Conducida por Alberto Rolán, segue a historia dos 'cheiretas', un grupo de rapaces que pasan de tocar na rúa do Príncipe a ser captados por unha multinacional discográfica. Un espectáculo que combina teatro, audiovisual, deseño e música en directo a cargo dunha banda moi especial: Carlos Pereiro “Carlangas”, guitarrista e cantante da banda de garaxe Novedades Carmiña; Álex Casanova, á fronte dun proxecto en solitario que nos transporta á música electrónica tropical e os ritmos bailables, e Martiño Salgado, destacado músico de sesión á batería e ao ukelele. 
  • Candela y Los Supremos: La Casa Azul, Anni B. Sweet, La Bien Querida, Manos de Topo, Klaus and Kinski,Wilco ou BlackKeys son as súas influencias musicais. Gústanlle os bocadillos, a pizza e a cor amarela. E vén de estrear o disco Animaladas. É Candela, a nena indie que xunto aos seus pais –Los Supremos- está a revolucionar o mundo da música con cancións tan divertidas como Avutarda, ser amiga tuya farda ou El desalojo del piojo. Tras pasar polo Primavera Sound, Matadero Madrid ou o Teatro Circo Price, Candela y Los Supremos chegan ao Gaiás para facernos pasar un bo rato en familia e por que non botarnos unhas risas a golpe de guitarra.

Unha iniciativa redonda na que, como sempre, todos gañan: ti levas para casa unhas cantas cancións para o recordó e os nenos que máis o necesiten terán unha sorpresa o Día de Reis, o regalo que ti elixas como entrada. 

E para redondear a tarde, Mel de Galicia e Craega ofrecerán desde as 16:00 horas unha merenda ecolóxica de balde con "maruxas de nata", doces, mel e leite.

 

 
 
En familia
 
 
 
00:00