Mulleres sobranceiras: Luz Pozo Garza, unha estrela de luz

Como cada tempada, a data do 8 de marzo coincide cunha nova exposición da serie Mulleres sobranceiras do Arquivo de Galicia, que nesta ocasión dedicáse á figura da poeta Luz Pozo Garza.

Considerada unha das “voces esenciais” da poesía galega da segunda metade do século XX mantivo unha vida moi activa ata a súa morte no mes de abril de 2020 aos 97 anos deixando múltiples testemuños das súas actividades.

A exposición pretende, a través da súa documentación doada ao Arquivo de Galicia, facer un percorrido pola súa vida e a súa labor como poeta, ensaísta, catedrática ou editora.

A exposición nútrese do Fondo Luz Pozo Garza, arquivo persoal da poeta lucense e académica da lingua galega.

O legado está conformado por arredor de 5.500 volumes, esencialmente de carácter literario e obras de consulta, ademais de por unha ampla documentación epistolar entre Eduardo Moreiras e Vicente Aleixandre. Así mesmo, está composto por exemplares da propia obra da escritora, así como por recortes de prensa e información publicada en diferentes medios sobre o seu legado literario desde que en 1948 publicou o seu primeiro poema. Todo o conxunto de fondos que compoñen a doazón está identificado como ‘Biblioteca e Arquivo Luz Pozo Garza’.

Unha voz senlleira da poesía galega

Nada en Ribadeo en 1922, Luz Pozo Garza foi membro numerario da Real Academia Galega e socia de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). Entre os seus poemarios figuran títulos como ‘Ánfora’ (1949), ‘O paxaro na boca’ (1952), ‘Últimas palabras/ Verbas derradeiras’ (1975), ‘Concerto de outono’ (1981), ‘Códice Calixtinno’ (1986), ‘Prometo a flor de Loto’ (1992), ‘Medea en Corinto’ (2002) ou ‘Rosa tántrica’ (2016).

Así mesmo publicou ensaios e numerosos artigos sobre Rosalía de Castro, Otero Pedrayo, Castelao, Dieste, Manuel Antonio e Franco Grande, entre outros.

 
Exposicións