Como cada ano polo 8 de marzo, Día internacional da Muller, o Arquivo de Galicia inaugura a exposición Mulleres sobranceiras, que nesta ocasión non se centra nunha soa figura como viña sendo habitual. Desta maneira, a mostra pretende botar unha ollada ao papel da muller na economía a través de diversas perspectivas, desde a economía doméstica á empresarial, a partir do século XVI e ata o século XX.
Ata ben entrado o século XIX as mulleres non acadarán o interese dos estudos de análise económica. Será a partir da súa incorporación ao traballo das fábricas nos países industrializados e da irrupción da loita dos movementos sufraxistas polos seus dereitos políticos e sociais cando comece un interese polo seu comportamento económico. Reflexionar sobre o papel tradicionalmente desempeñado polas mulleres na economía familiar, tanto no ámbito doméstico como no do mercado laboral, é a finalidade desta pequena mostra documental coa que o Arquivo de Galicia quere celebrar o Día Internacional da muller.
