As mulleres do Seminario de Estudos Galegos | Exposición Biblioteca de Galicia

A Biblioteca de Galicia rende unha especial homenaxe ás mulleres coa mostra bibliográfica As mulleres do Seminario de Estudos Galegos, composta polas publicacións existentes salvagardadas na propia Biblioteca relativa ás mulleres que tiveron algún tipo de relación co seminario, ben como socias activas, ben como protectoras ou usuarias da súa biblioteca.

Ademais de conformar unha elite intelectual con grandes inquedanzas sobre Galicia, coma o resto de compoñentes do seminario, estas mulleres entraron en espazos reservados ata o momento só a homes, polo que abriron camiños novos a posteriores xeracións de mulleres.

Moitas delas foron persoas senlleiras, de gran valía e que levaron unha vida de marcada proxección social. Pensemos en Pura Lorenzana, Sara Leirós, Luisa Cuesta, María Corredoira ou Carmen Pardo Losada. Eran parte desas mulleres “modernas” que buscaban desenvolver as súas capacidades por medio dunha carreira profesional e non cun bo casamento. Xeralmente acaparaban as mellores cualificacións e moitos premios académicos e algunhas tamén conseguiron premios profesionais ás súas carreiras.

Quen eran esas mulleres? Que foi delas máis aló da súa relación co SEG?

Dar a coñecer mellor o seu labor e as súas vidas é o que se pretende mostrar nesta pequena exposición bibliográfica. Nela reúnense algunhas das publicacións que estas mulleres presentaron no seminario, outras publicacións delas posteriores á súa relación coa institución e varias obras doutros autores ou escritos da prensa que falan sobre as súas obras ou as súas vidas.

Foron mulleres que desenvolveron carreiras profesionais e fixérono en diversos eidos como as humanidades ou as ciencias. Xeralmente acaparaban as mellores cualificacións e moitos premios académicos, conseguindo algunhas delas premios profesionais ás súas carreiras.

Entre os libros que se exhiben na mostra atópanse varias publicacións de Luisa Cuesta, que chegou ser directora da Biblioteca Nacional de España e activa colaboradora do Seminario de Estudos Galegos mentres residiu en Galicia. Publicou catálogos sobre a historia da imprenta e mesmo sobre a historia da Universidade de Santiago.

Entre as mulleres próximas ao Seminario tamén ten unha produción importante Sara Leirós, centrada en temática espiritual e pedagóxica. Entre estas persoas destacadas hai, ademais, varias científicas como Celsa Pérez Moreiras, unha das primeiras mulleres docentes de Ciencias na Universidade de Santiago, na facultade de Farmacia.

 
Exposicións
 
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h