Os domingos 17 de setembro e 15 de outubro convidámosvos a descubrir dun xeito diferente a exposición Traballo en equipo. 30 anos do CGAC no Museo Centro Gaiás en dúas sesións de ioga que dialogan con algunhas das pezas da mostra buscando a conexión entre esta disciplina milenaria, o espazo arquitectónico e a arte contemporánea.
O propio corpo humano é unha arquitectura que nos permite desprazarnos e relacionarnos co que nos rodea. Desde tempos inmemoriais, as artistas levan empregándoo como unidade de medida e como inspiración para a súa obra. Do mesmo xeito, o ioga permite conectar co noso corpo e coa natureza exterior, ás veces a través da imitación de formas e outras seguindo o espírito das mesmas.
As “asanas” e as formas
As ‘asanas’ ou posturas son unha parte esencial do ioga. Moitas delas toman os seus nomes de animais ou plantas —can, cobra, pomba, árbore, loto, etc.—, pero tamén se inspiran en creacións ou aspectos humanos, como é o caso das posturas dos guerreiros. Máis aló do exercicio físico, cada asana supón procesos tanto psicolóxicos como fisiolóxicos. Están unidas a todos os demais aspectos do ioga, arraigadas na ética da práctica e proxectadas cara á espiritualidade. Igualmente, a obra artística transcende o seu aspecto material e emprégase para chegar a ese lado menos tanxible de nós mesmos.
O museo, igual que o ashram, é un templo onde nos afastamos do ruído interno e externo para mergullarnos nunha viaxe interior. Nesta actividade, o Museo Centra Gaiás convértese por unhas horas no refuxio onde experimentar a arte e o ioga como un só elemento, explorando o que teñen en común e facilitando unha comprensión máis fonda das obras e de nós mesmos.
As sesións serán conducidas por Paula Toimil, compoñente do Servizo de Educación e Mediación da Fundación Cidade da Cultura e profesora de ioga certificada.
