Visitas comentadas | Boris Savelev. Viewfinder, unha forma de mirar

Percorrido guiado polo persoal especializado do Museo Centro Gaiás no que poderás mergullarte na exposición BORIS SAVELEV. Viewfinder, unha forma de mirar, a retrospectiva máis ampla realizada ata agora do fotógrafo Boris Savelev (Chernivtsi, Ucraína, 1947), artista premiado en PHotoEspaña 2024 cunha mirada forxada na Unión Soviética nos anos 70. Foi aló, primeiro como parte do prestixioso club Novator e máis adiante como freelance para publicacións rusas e estranxeiras, onde comezou a capturar instantáneas á marxe dos temas preestablecidos e as ríxidas regras estéticas do sindicato oficial de fotógrafos.

A exposición, comisariada por Adam Lowe, percorre seis décadas nas que Savelev se converteu nun incansable retratista da vida anónima das cidades, elemento fundamental na súa procura por revelar a fraxilidade do tecido urbano. Chernivtsi, Moscova, San Petersburgo, Nova York, Londres, Madrid, Dresde ou Vigo, cidade que o acolleu tras abandonar o seu país natal logo da invasión rusa, aparecen retratadas na mostra en diferentes épocas. En todas elas, a pesar do paso do tempo, somos quen de compartir o punto de vista do fotógrafo e comprender o que está mirando en cada momento. Instantes nos que os detalles —a tapa dun sumidoiro, unha sombra, un raio de luz— transmiten emocións e nos descobren unha realidade poética e complexa.

Información a ter en conta

  • De balde
  • As visitas comentadas precisan reserva previa: podes comprobar na columna da dereita as datas, horario e dispoñibilidade. Tamén podes reservar directamente no Punto de información do Museo.
  • Os/as menores que asistan á visita deberán estar sempre acompañados/as dunha persoa adulta responsable.
  • A exposición pode tamén visitarse por libre, sen guía, sen necesidade de reserva previa.
  • Deberán seguirse en todo momento as instruccións do persoal responsable da visita.