Galiverso. O vello Portomarín

O Galiverso suma unha nova experiencia de realidade virtual no Museo Centro Gaiás con Galiverso. O vello Portomarín. Unha viaxe ao pasado que permite camiñar polas rúas da antiga vila luguesa, tal como era antes de ser anegada pola construción do encoro de Belesar en 1963.

A reconstrución do vello Portomarían dentro do Galiverso partiu dun amplo e rigoroso traballo documental a partir das gravacións da época conservadas na Filmoteca de Galicia, planos e cartografías antigas, e as máis de 40.000 fotografías que atesoura José López, de Foto Pereira Portomarín. Desde o momento no que se coñeceu a noticia da construción da presa, este veciño e fotógrafo decidiu inmortalizar casa por casa a vella vila, para ter o recordo de cada unha delas.

Con esta base, un equipo multidisciplinar de expertos galegos en patrimonio, arte dixital, historia e programación foi quen de recuperar a memoria do vello Portomarín para que calquera persoa poida coñecelo a través das lentes de realidade virtual. Os profesores de historia da arte da USC e membros do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), Jesús Ángel Sánchez García e Julio Vázquez Castro; os especialistas do Centro Infográfico Avanzado de Galicia, Carlos Paz de Lorenzo e Anxo Miján Maroño, e Carlos Seijo, director do estudo dixital Maxina forman parte do persoal implicado nesta nova andaina do Galiverso.

Máis de 250 casas cos seus tellados característicos de lousa, as cepas e a vexetación circundante, o río, e edificios emblemáticos como o Hospital de Peregrinos e a igrexa de San Nicolás —trasladada pedra a pedra a unha nova localización antes do asolagamento— foron recreados ao detalle coas ferramentas dixitais. Unha nova forma de achegarse a un patrimonio arquitectónico, histórico e paisaxístico que supón tamén, para aqueles veciños e veciñas que viviron no vello Portomarín, unha viaxe física e emocional ao seu pasado.

O encoro de Belesar, creado na pasada década dos 60 para abastecer unha central hidroeléctrica, é a presa artificial máis grande sobre o río Miño. Ocupa unha superficie de 2.000 hectáreas entre os concellos de Taboada, Chantada, O Saviñao, Paradela, O Páramo, Guntín e Portomarín. Ademais do vello Portomarín, que foi reedificado preto da súa antiga localización, coa construción do encoro quedaron inundados outros lugares habitados como Mourulle, Pincelo, Abeledo ou Portomeñe e tamén os restos arqueolóxicos de Castro Candaz.

Como chegar ao vello Portomarín desde o Galiverso

Galiverso. O vello Portomarían intégrase como unha nova experiencia dentro do Galiverso. Estará dispoñible a partir do 21 de novembro no andar 0 do Museo Centro Gaiás, de martes a venres en horario de tarde de 16.00 a 20.00 horas, así como sábados, domingos e festivos (excepto luns), de 11.00 a 14.30 e de 16.00 a 20.00 horas. O acceso péchase media hora antes (14.00h pola mañá e 19.30h pola tarde). A visita é gratuíta con reserva de praza a través de Ataquilla e no Museo Centro Gaiás.

A idade mínima para poder colocar as lentes de realidade virtual son os 8 anos, e as nenas e nenos menores de 12 anos deberán estar acompañadas dunha persoa adulta responsable. Estas limitacións obedecen tanto ás intención de evitar a fatiga asociada cun uso máis prolongado dos lentes de realidade virtual como de facilitar que o maior número de persoas poida acceder ao Galiverso. 

Arte dixital accesible

A nova instalación de Galiverso. O vello Portomarín continúa a aposta da Xunta de Galicia por amosar dunha maneira diferente e aberta a riqueza histórica e natural do país, e poñer en valor o potencial da industria cultural e creativa galega nas contornas virtuais.

Ata hoxe, preto de 10.400 persoas visitaron no Museo Centro Gaiás as dúas experiencias ofrecidas dentro do Galiverso. A primeira delas recreaba 12 escenarios que achegaban monumentos, paisaxes e sitios de gran valor cultural, histórico e turístico das catro provincias galegas, como a cripta do Apóstolo na Catedral de Santiago, o canón do Sil, a Torre de Hércules na Coruña ou o templo romano de Santalla de Bóveda en Mera (Lugo). Na segunda, titulada Galiverso somerxido, proponse unha viaxe virtual en batiscafo polos fondos mariños da costa galega, descubrindo as especies de animais e plantas que os habitan e tamén os tesouros arqueolóxicos que agochan. Fóra do Gaiás, o Galiverso chegou xa á propia vila de Portomarín, á Casa de Galicia en Madrid, e aos 85 centros de secundaria galegos que contan cun Polo Creativo+.

 
Exposicións
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h