Galicia futura. Todo o que imos ser | A Coruña

Como imaxinas a Galicia futura? Esta exposición sae á procura de respostas a esta pregunta a través dun suxestivo diálogo entre arte e ciencia, entre tecnoloxía e creatividade.Comisariada por Deborah García Bello e Miguel Ángel Cajigal Vera, Galicia futura é o terceiro gran proxecto expositivo da Xunta de Galicia e a Cidade da Cultura con motivo do Xacobeo 21·22. Tras ser exhibida no Museo Centro Gaiás, desenvolve unha serie de itinerancias por diferentes cidades galegas, en colaboración con Afundación, que a levou a Lugo e a achega agora á cidade herculina entre xuño e xullo de 2022.

A mostra toma o pulso do presente para propoñer un percorrido por fitos e ideas innovadoras que xa están a marcar os vieiros do porvir da nosa comunidade en diferentes campos. Explora así un futuro desexado e posible, partindo do traballo que están a desenvolver a día de hoxe diferentes profesionais e grupos de vangarda, desde as artes, á biomedicina, ou a enxeñaría e o deseño. 

Galicia futura afonda tamén no noso pasado para identificar comportamentos e procesos que constrúen o futuro, poñendo o acento nunha escolma de pezas destacadas que representaron no seu momento un pulo decidido cara ao futuro en diversos eidos.

Máis alá do Museo

Amosar o que se está a facer desde distintas áreas do coñecemento, facer visible como as conexións entre os diferentes campos do saber nos permiten comprender a súa progresión, e procurar as claves e estratexias que están a configurar o porvir de Galicia son os obxectivos dunha mostra viva, que quere transcender as paredes das salas de exhibición, impulsando procesos creativos propios.

Por iso, exhibe pezas artísticas creadas especificamente para este proxecto por destacados nomes das artes plásticas, as letras, o audiovisual, a ciencia, a escena, o deseño ou a música galega, como o cineasta Oliver Laxe, a dramaturga Marta Pazos, os artistas plásticos Rubén Ramos Balsa e Vítor Mejuto, ou a poeta Estíbaliz Espinosa.

Comisariado

Deborah García Bello (A Coruña, 1984), @deborahciencia, é química e divulgadora científica.

Investiga ciencia de materiais aplicados á arte contemporánea no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña, dirixe as xornadas Ciencia & Arte de Bilbao e forma parte do equipo de transferencia científica de L'Oréal. Traballa como divulgadora en TVE, La Sexta, TVG, Radio Nacional ou a Radio Galega.

Foi galardoada cos premios Prisma, Bitácoras e Tesla á divulgación científica.

Miguel Ángel Cajigal Vera (A Coruña, 1981), @elbarroquista, é historiador da arte e divulgador cultural.

Forma parte do equipo educativo da Fundación Cidade da Cultura e dirixe o Máster en Educación en Museos e Espazos Culturais da Universidad Miguel de Cervantes.

É membro do Consello Internacional de Monumentos e Sitios (ICOMOS) e do Consello Internacional de Museos (ICOM) e colabora como divulgador con medios como a Radio Galega, Onda Cero, TVE ou La Voz de Galicia.

 
 
Exposicións