Fitotario. Invernadoiro interactivo | Intervención artística

Fitotario une arte sonora, tecnoloxía e natureza nunha experiencia inmersiva creada pola artista visual Macarena Montesinos Fandiño que devolve as Torres Hejduk ao seu uso orixinal como invernadoiro, transformándoas nun sorprendente xardín interactivo e convidando ao público a experimentar coa propia instalación.

Especies vexetais que hoxe podemos atopar nos montes ou nos agros galegos —desde hedras, fentos, lavandas, crisantemos ou ata cabaceiras— e outras empregadas habitualmente como plantas decorativas de interior conviven na torre de cristal, metamorfoseada nun xardín animado que se activa coa entrada das persoas visitantes.

Dotadas de sensores e infravermellos, as plantas oscilan ou emiten sons cando son tocadas ou acariñadas, modulando a súa reacción en función de variables ambientais como luz, humidade ou temperatura. Isto converte a Fitotario nunha instalación en evolución e cambio constante, pois segundo a hora do día, o tempo atmosférico ou o día do ano mudan as reaccións das plantas que habitan temporalmente esta torre transparente. A instalación está realizada en colaboración co artista sonoro Miguel Seoane, responsable de materializar de toda a compoñente tecnolóxica da mesma.

A torre de pedra amosa, en contraste coa súa xemelga de cristal, un espazo interior habitado por pantallas de televisor, nas que se reproducen as variables en tempo real recollidas polos sensores da instalación, acompañadas dun diagrama de instalación.

Fitotario fai unha chiscadela ao uso orixinal das Torres Hejduk do Gaiás, que pese a estaren hoxe reconvertidas nun espazo destinado á creación contemporánea e á arte non convencional, foron orixinalmente deseñadas como torres botánicas para o parque compostelán de Belvís polo arquitecto John Hejduk (Nova York, 1929-2000). Malia que non se chegaron a erixir no seu emprazamento inicial, tras a morte de Hejduk Peter Eisenman recuperou o proxecto do seu amigo e compañeiro en The New York Five, materializando a súa construción na Cidade da Cultura. 

Macarena Montesinos Fandiño

Violonchelista, artista visual e investigadora, Macarena Montesinos Fandiño (Vigo, 1982) destaca por ser unha artista fronteiriza que traballa desde a arte sonora, a performance, as artes escénicas e o audiovisual.

Integrante de múltiples formacións de improvisación e música experimental como o cuarteto de corda Suelen Estar Quartet, Límbico, Fonogenia, Orquesta Galega de Liberación ou a desaparecida OMEGa. Ata a data ten mais dunha ducia de discos publicados en selos europeos e americanos como CreativeSources (PT), Pan y Rosas (EE.UU) ou Setola de Maiale (IT).

Realizou múltiples residencias artísticas de investigación en Galicia, España, Alemaña, Suíza e Portugal. Actualmente é investigadora da Facultade de Belas Artes de Pontevedra da Universidade de Vigo, onde estuda a relación entre as partituras gráficas e a improvisación sonora.

.

 
Exposicións
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h