A Vía da Prata. Aires do Sur | Ourense

A Vía da Prata. Aires do Sur continúa a serie expositiva iniciada por O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra (Cidade da Cultura, outubro 2021- abril 2022) que se adentra nas rutas xacobeas a través da ollada fotográfica. Comisariada pola historiadora, guionista e documentalista Lucía Laín, esta segunda mostra reflexiona sobre a diversidade e a interrelación entre tradicións e culturas, sobre a soidade, a distancia e o paso do tempo cunha ollada que vai desde o presente cara ao pasado.

A exposición chega ao Centro Cultural Marcos Valcárcel en colaboración coa Deputación de Ourense, logo de pasar pola Cidade da Cultura en Santiago de Compostela e polo Palacio de Toledo-Moctezuma de Cáceres, onde recibiu en total a visita de máis de 18.700 persoas.

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle unha adaptación deste percorrido expositivo en 92 instantáneas que conforman un relato único que se estende ao longo de máis de mil quilómetros, no que as imaxes tomadas por grandes clásicos se suceden nun interesante diálogo coa mirada actual de fotógrafos e fotógrafas do noso presente. 

Nova ollada ao patrimonio ourensán

A provincia de Ourense ocupa un lugar destacado na mostra. Das 92 imaxes, clásicas e contemporáneas, que forman parte da exhibición, un total 27 representan lugares, monumentos, tradicións ou paisaxes ourensás, capturadas desde comezos do século XX ata a actualidade por fotógrafos como Antón Buciños, Vicente López Tofiño, Miguel Muñiz, Ana Turbau, Carmenchu Alemán, Brais Lorenzo, Fernando Manso, Manuel Cuenca, Nicolás Muller ou M. Castro Baro.


Entre as instantáneas clásicas atopamos imaxes tomadas na capital ourensá polo recoñecido fotógrafo documental Nicolás Muller, nas que retratou a mediados do século pasado a a vida cotiá nos mercados, as lavandeiras nas Burgas, a catedral ou a paisaxe da ponte romana sobre o Miño. O entroido en Vilariño de Conso, Verín e Laza, coa farrapada, o enfariñado ou o xogo da lardeira, adquire tamén un relevante protagonismo nas imaxes capturadas por Ana Turbau, Miguel Muñiz, Carmenchu Alemán ou Cristina García Rodero (Premio Nacional de Fotografía 1996). Fotografías que saltan entre o século XXI e o XX para dar conta da vixencia dunhas tradicións enraizadas como parte da identidade ourensá.

Atopamos tamén no camiño que percorre a mostra fermosos exemplos da arquitectura románica na provincia —Santa María a Real de Oseira, Santa Mariña de Augas Santas— monumentos e paisaxes retratadas na actualidade por Fernando Manso, Vicente López Tofiño ou os ourensáns Brais Lorenzo e Antón Buciños.

Como unha forma máis de contribuír á difusión do patrimonio do Camiño de Santiago, as fotografías combínanse con textos literarios de destacados escritores e escritoras das letras españolas e galegas, que atoparon a inspiración na peregrinación e nos lugares que atravesa a Vía da Prata, como Gustavo Adolfo Bécquer, Rosalía de Castro ou Miguel de Unamuno, entre outros.

A mostra complétase coa peza audiovisual A travesía dun verso, producida de maneira exclusiva para esta exposición polo Laboratorio NUMAX con guión de Lucía Laín. Nesta curtametraxe, que pode verse na sala e tamén na canle de Youtube da Cidade da Cultura, desprazámonos nun carrusel de imaxes e música que nos fai avanzar a través do ecos da vida capturada nas fotografías. En cada etapa, detémonos nos detalles dunha paisaxe, dun rostro, acompasados polos cantos e cancións tradicionais do folclore de Galicia, Estremadura e Castela e León —recuperadas de gravacións de vinilos antigos— e da guitarra flamenca de orixes galegas de Marcos Teira, que une de maneira definitiva o norte e o sur da Vía da Prata.

A comisaria: Lucía Laín

Historiadora, comisaria, guionista e documentalista, a súa paixón pola historia da fotografía remóntase aos anos nos que traballa como coordinadora de desenvolvemento e contidos en longametraxes documentais. Deses anos son as súas primeiras incursións nos fondos fílmicos, fotográficos e hemerográficos. Na actualidade é unha experimentada documentalista que chegou a comisariar máis de doce exposicións: Nocturnas, mientras la ciudad duerme, En la cinta del tiempo, El Rostro de las Letras, Santos Yubero, La Memoria del tiempo (con Publio López Mondejar) ou O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra,que foi visitada por máis de 32.200 persoas nas súas itinerancias pola Cidade da Cultura, o Museo do Mar de Galicia en Vigo e a Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui.

Sobresae tamén o seu traballo como documentalista en producións audiovisuais como a longametraxe El honor de las Injurias (Carlos García Alix), Morente sueña la Alhambra (José Sánchez Montes), Granados. El último romántico, Nuria Espert. Una mujer de teatro (Arantxa Aguirre), Albéniz. El color de la música ou Marañón en Toledo, de José Luis López Linares, e na escritura de guións como Mariano Fortuny, el universo en una caja.

Navia. Arco de Caparra Festas do Santo Cristo - Carmenchu Alemán