A Vía da Prata. Aires do Sur | Cáceres

A Vía da Prata. Aires do Sur continúa a serie expositiva iniciada por O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra (Cidade da Cultura, outubro 2021- abril 2022) que se adentra nas rutas xacobeas a través da ollada fotográfica. Comisariada pola historiadora, guionista e documentalista Lucía Laín, esta segunda mostra reflexiona sobre a diversidade e a interrelación entre tradicións e culturas, sobre a soidade, a distancia e o paso do tempo cunha ollada que vai desde o presente cara ao pasado. Logo de ser visitada por máis de 16.000 persoas no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura entre xuño e setembro do ano pasado, a mostra recala agora en Cáceres, onde poderá verse ata abril de 2023, grazas á colaboración da Junta de Extremadura.

O Palacio Toledo-Moctezuma de Cáceres acollerá unha adaptación deste percorrido expositivo en 76 instantáneas que conforman un relato único no que as imaxes tomadas por grandes clásicos se suceden nun interesante diálogo coa mirada actual de fotógrafos e fotógrafas do noso presente. 

Artistas

A Vía da Prata esténdese ao longo de máis de mil quilómetros, desde Sevilla a Santiago de Compostela, atravesando terras de Andalucía, Estremadura, Castela e León e Galicia. Nesta exposición, percórrense nun carrusel fotográfico que vai de finais do século XIX ata os nosos días. Un total de 76 instantáneas de grandes mestres da arte fotográfica e figuras emerxentes que espertan a memoria, reivindican festas e tradicións e descobren a realidade menos coñecida de pequenas localidades que atravesa o Camiño.

As terras, monumentos e paisaxes estremeñas ocupan un lugar destacado na mostra. O acueduto romano e o Templo de Diana en Mérida, o Alcázar do Duque de Medinacelli en Zafra, o Arco de la Estrella de Cáceres e tamén rostros anónimos e poboacións como Garrovillas ou Las Hurdes aparecen retratadas por fotógrafos como Roberto Arranz, António Passaporte, Jean Laurent, Nicolás Muller, Otto Wunderlich, Onieva ou Luis Agromayor, entre outros.

Canda eles, a cámara de José Manuel Navia mostra os vestixios dos miliarios e da antiga calzada romana que cruzaba a península de sur a norte, mentres Laura Martínez Lombardía recorre a autovía A-66 que une na actualidade Sevilla con Xixón. Tamén a ollada case pictórica sobre a paisaxe estremeña do grego Yorgos Karailias e a sensibilidade particular coa que Carmenchu Alemán captura tradicións como Las Purificás de Monroy.

Completan o conxunto de artistas presentes na exposición Jean Poujade, José Suárez, Andrés Marín, Anna Turbau, Antón Buciños, Atín Aya, Brais Lorenzo, Fernando Manso, Iñaki Matilla, Juan Manuel Báez Mezquita, Luis Otero, Luis Vioque, M. Castro Baro, Miguel Muñiz, Roberto de la Torre, Tere Fernández, Vicente López Tofiño, e os Premios Nacionais de Fotografía Cristina García Rodero e Juan Manuel Castro Prieto.

A recuperación e exhibición desta selección é posible grazas ao traballo de museos, arquivos e coleccionistas que contribúen de maneira decisiva á conservación e transmisión do patrimonio vivo das rutas xacobeas. Á vez, este proxecto expositivo reivindica a fotografía documental como unha ferramenta contra a banalización visual e unha chamada a contemplar devagar a realidade.

«A travesía dun verso»

Como unha forma máis de contribuír á difusión do patrimonio do Camiño de Santiago, as fotografías combínanse con textos literarios de destacados escritores e escritoras das letras españolas e galegas, que atoparon a inspiración na peregrinación e nos lugares que atravesa a Vía da Prata. Así, atopamos reflexións de autores como Elio Antonio de Nebrija, Rodrigo Caro, Gustavo Adolfo Bécquer, Rosalía de Castro, Carolina Coronado, Miguel de Unamuno ou Luis de Góngora, entre outros.

A mostra complétase coa peza audiovisual A travesía dun verso, producida de maneira exclusiva para esta exposición polo Laboratorio NUMAX con guión de Lucía Laín. Nesta curtametraxe, que pode verse na sala e tamén na canle de Youtube da Cidade da Cultura, desprazámonos nun carrusel de imaxes e música que nos fai avanzar a través do ecos da vida capturada nas fotografías. En cada etapa, detémonos nos detalles dunha paisaxe, dun rostro, acompasados polos cantos e cancións tradicionais do folclore de Galicia, Estremadura e Castela e León —recuperadas de gravacións de vinilos antigos— e da guitarra flamenca de orixes galegas de Marcos Teira, que une de maneira definitiva o norte e o sur da Vía da Prata.

A comisaria: Lucía Laín

Historiadora, comisaria, guionista e documentalista, a súa paixón pola historia da fotografía remóntase aos anos nos que traballa como coordinadora de desenvolvemento e contidos en longametraxes documentais. Deses anos son as súas primeiras incursións nos fondos fílmicos, fotográficos e hemerográficos. Na actualidade é unha experimentada documentalista que chegou a comisariar máis de doce exposicións: Nocturnas, mientras la ciudad duerme, En la cinta del tiempo, El Rostro de las Letras, Santos Yubero, La Memoria del tiempo (con Publio López Mondejar) ou O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra, que foi visitada por máis de 21.000 persoas na Cidade da Cultura.

Sobresae tamén o seu traballo como documentalista en producións audiovisuais como a longametraxe El honor de las Injurias (Carlos García Alix), Morente sueña la Alhambra (José Sánchez Montes), Granados. El último romántico, Nuria Espert. Una mujer de teatro (Arantxa Aguirre), Albéniz. El color de la música ou Marañón en Toledo, de José Luis López Linares, e na escritura de guións como Mariano Fortuny, el universo en una caja.

Navia. Arco de Caparra Las Purificás - Carmenchu Alemán


 
Exposicións
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h