Da noite ao día, habitando o Museo Gaiás | Día internacional dos Museos 2025

O Museo Centro Gaiás abre as súas portas á noitiña con motivo do Día Internacional dos Museos e propón unha serie de visitas especiais para experimentalo como espazo acolledor, contemporáneo e cargado de posibilidades. Ao longo de dúas xornadas, o sábado 17 e o domingo 18 de maio, poderedes habitar o museo gozando de música en directo e dun petisco para acompañar o baile, mergullándovos en experiencias inmersivas e interactivas e tamén descubrir como funciona por dentro o grande espazo expositivo da Cidade da Cultura.

Ademais, na sala de proxeccións do andar 0 do Museo proxectarase O intanxible e o non mundo, de Mercedes Peón. Unha peza de vídeo-creación que tivo a súa estrea efémera no festival Escenas do cambio 2025 na que a artista galega recupera documentos sonoros e visuais ao redor das tocadoras e os seus lugares de reunión para falarnos da súa importancia na tradición musical galega e da influencia que teñen na súa obra.

Todas as actividades son gratuítas e pensadas para todos os públicos. Consulta os horarios, información e fai a túa reserva para as visitas especiais nesta mesma web.

Este ano, o Día Internacional dos Museos leva por lema O futuro dos museos en comunidades en constante cambio, e celebra como estes centros culturais están dando forma a un futuro máis inclusivo, innovador e sostible.

SÁBADO 17 DE MAIO: Noite no Museo

Ao caer a tardiña, o Museo Centro Gaiás transfórmase nun espazo máis íntimo e suxestivo para conversar e bailar. A partir das 20 horas e ata as 23 horas, contaremos cunha sesión de Señora DJ que amenizará a noite xunto cun petisco de balde para todas as persoas que veñan ao Museo. Nese mesmo horario poderedes entrar tamén o Galiverso no andar 0, e poñer as lentes de realidade virtual para descubrir covas milenarias, petróglifos e espazos naturais moldeados pola pedra en Galicia.

Ademais, haberá visitas exclusivas á experiencia inmersiva Orixes e á exposición Rafael Úbeda. Visión retrospectiva. Na primeira, poderedes gozar dunha viaxe virtual ao pasado e interactuar con seres hoxe desaparecidos, como os dinosauros, así como descubrir outros que habitan a Terra desde hai millóns de anos, nun percorrido de catro mil millóns de anos de evolución do noso planeta.

Para Orixes, haberá 4 quendas o sábado 17 de maio, ás 20:30h, ás 20:45h, ás 21:30h e ás 21:45h. Podedes facer a vosa reserva, de maneira gratuíta na columna dereita. Lembrade que a idade mínima para acceder á experiencia son os 8 anos de idade e as nenas e nenos menores de 12 anos deberán realizar a experiencia acompañados dunha persoa adulta responsable que deberá tamén reservar a súa praza.

En Rafael Úbeda. Visión retrospectiva, afondaredes nos máis de 70 anos de traxectoria de Rafael Úbeda, un dos principais nomes da pintura contemporánea galega. A mostra configúrase como un relato pictórico que ten en conta as súas etapas vitais, moi vencellada aos lugares nos que habitou (Pontevedra, Madrid, Holanda e Italia) e as súas obras máis representativas. A visita comezará ás 20:45 horas e podedes reservar praza, de balde, na columna da dereita.

Noite no museo 2025

DOMINGO 18 DE MAIO: Outra mirada ao Museo

Na mañá do domingo 18 descubriremos os espazos expositivos do Museo Centro Gaiás, pero tamén as súas áreas agochadas: desde os depósitos de obra ata o gran montacargas. Este percorrido único encádrase dentro do programa de visitas singulares á arquitectura do Gaiás Outra mirada. Podes consultar a información ao detalle da visita e reservar a túa praza AQUÍ.