Clásicas desfeitas | REGA: Residencias artísticas no Gaiás

En Clásicas desfeitas ides redescubrir Frankenstein, Medea ou O mito de Sísifo a través doutras disciplinas artísticas mais aló da literatura. Trátase de deixarse sorprender polo contido e pola forma que toman estes textos tras ter traballado con eles dun xeito multidisciplinar nas Residencias artísticas do Gaiás (REGA), grazas á coprodución do Centro Dramático Galego (CDG) coa Cidade da Cultura.

 

desenvolvidas no marco do Programa REGA, Residencias Artísticas no Gaiás

Na Cidade da Cultura ides poder gozar como público con prazas limitadas para cumprir coas medidas de seguridade sanitaria pola covid-19 destas tres pezas, que son resultado destas estadías creativas que acollemos na Cidade da Cultura entre febreiro e marzo.

Volume I 

Prometeo | Fausto | Frankenstein
Compañía: Colectico Nononon.
Artistas: José Faro, Xacobo Castro, Lucía Estévez, Laura Iturralde e Montse Piñeiro
Representacións: Torres Hejduk 
13 de marzo | 12 H  
14 de marzo | 12H 
Galería de fotos da representación

A través de tres personaxes pertencentes ao imaxinario colectivo e histórico configúrase un retrato da humanidade moderna. A partir dos textos do mito de Prometeo encadeado de Esquilo, A tráxica historia do Doutor Fausto de Marlowe e o Frankenstein de Mary Shelley confórmase un cadáver exquisito, multifacético e atemporal, que se move e guía a/o espectador/a arredor dun espazo común, permitíndolle desta maneira verse reflectida/o. A premisa desta obra é a experimentación, polo que se procura un espazo de reflexión e de diálogo.

Volume II

Phármakon [Antígona, Medea, As Bacantes]
Composición e dirección: Pablo Seoane
Músicos: María José Pámpano (viola), Benxamín Otero (corno inglés e óboe)
Intérpretes: Raquel Hernández e Artús Rei
Escenografía e iluminación: Laura Iturralde
Vestiario: Marte Martinka
Representación: Salón de Convencións do CINC
21 de marzo | 12H 
Galería de fotos da representación

Phármakon é unha peza musical para viola, corno inglés, óboe, artes visuais e dous actores ou performers, composta a partir das traxedias clásicas Antígona de Sófocles, Medea e As Bacantes, ambas de Eurípides. A obra indaga en tres aspectos esenciais comúns a todas elas: a relación entre o chibo expiatorio (significado primeiro do termo antes que veleno e medicina) e a comunidade; os inestables límites da identidade persoal; e a clásica iconografía na que adoitan manifestarse tanto esa relación como esa inestabilidade: o corpo desmembrado ou transformado noutra cousa.

Por baixo destes tres aspectos alenta –e quere marcar o ton xeral da obra– un substrato dionisíaco entendido aquí, en contra das exaltadas interpretacións habituais, como ‘o elemento silencioso e poderoso do vexetativo’, en palabras do helenista Karl Kerenyi. Aínda que non se fai uso da palabra falada ou escrita en escena, o espectáculo está acompañado dun texto autoría de Pablo Seoane.

Volume III 

Orlando | A consagración da primavera | O mito de Sísifo
Artistas: Cristina Balboa, Sabela Domínguez, Verónica Moar, Julia Laport, Manuel Lago, Jas Processor, Andrea Quintana e Paula Quintas
Inspirado nos textos e dramaturxia de: Gena Baamonde, Rut Balbís e Manuel Lago
Iluminación: Afonso Castro
Representación: Museo Gaiás (-1)
28 de marzo | 12H | Entradas 

Unha ollada compartida sobre o tempo e a identidade inspirada en Orlando de Virginia Woolf (1928), A consagración da primavera de Igor Stravinski (1913) e o Mito de Sísifo de Albert Camus (1942).