Ciclo de debate escolar | O valor da educación para a construción de sociedades libres

A presenza da obra lendaria A derradeira leición do mestre na exposición Castelao Maxistral, na Cidade da Cultura de Galicia, resulta do máis axeitada para transmitirlle nesta actividade ao alumnado a importancia da educación para a construción de sociedades libres, unha das principais loitas do artista e intelectual galeguista ao que se lle dedica esta exposición.

Chegado da Arxentina, este cadro emblemático que nunca antes se tiña exhibido en Galicia, procura no relato expostivo de Castelao maxistral ser unha imaxe icónica contra a intolerancia, sendo a educación a mellor ferramenta para ensinar en valores, liberdade e xustiza.

Con este fío condutor, desde a Cidade da Cultura de Galicia queremos pór a mocidade en relación con xornalistas, que no seu labor profesional cotián analizan a actualidade. O obxecto deste ciclo é establecer un diálogo coas xeracións de mozas e mozos vencellando os logros educativos exaltados na exposición que pon en valor a tarefa dos mestres e das mestras da Segunda República na renovación pedagóxica, e na consecución dun ensino universal e en galego e o vínculo co sistema educativo actual como ferramenta.

Dirixido a alumnado de último ciclo da ESO e BACH, promoverase un foro de debate no que dúas aulas diferentes poidan poñer en común as súas ideas sobre a sociedade actual e o peso da educación para a súa construción. Cada xornada está moderada por un/unha xornalista diferente. Deste xeito, serán un total de seis, provenientes dos principais medios galegos de comunicación escrita.

ESTRUTURA DE CADA DEBATE

  • Cada un dos e das xornalistas propon un tema a debater que conecte a actualidade coa idea do ciclo, o valor da educación para a construción de sociedades libres, e proporá con antelación ás xornadas de traballo tres preguntas ou reflexións sobre ese tema.
  • Cada grupo traballa na aula ese tema ou argumentario.
  • Chegados xa ao día do debate, o/a xornalista desa quenda dá a benvida ao grupo e exporá a súa visión sobre o tema escollido vencellado á exposición de Castelao e a súa época e relacionado coa educación.
  • A continuación lanzará ao alumnado cada unha das preguntas, previamente propostas, e establecerá un diálogo con eles valorando e recollendo as súas ideas.

  

QUENDAS 


1. Irene Bascoy. Faro de Vigo. Xefa da sección Galicia
[26 FEBREIRO | 12.30 HORAS]  

2. Marta García Márquez. Ideal Gallego. Redactora
[27 FEBREIRO | 11 HORAS]  

3. Ángel Orgaz. El Correo Gallego. Xefe da sección de Cultura
[28 FEBREIRO | 11 HORAS]  

4. Tamara Montero. La Voz de Galicia. Redactora
[28 FEBREIRO | 12.30 HORAS]  

5.Xabier Limia Gardón. La Región. Crítico de arte
[1 MARZO | 11 HORAS]
 
6. María Varela. Diario de Pontevedra. Redactora
[1 MARZO | 12.30 HORAS]

 
Visitar
 
Domingos e festivos
11.30 horas
Sábados |Semana Santa, xullo e agosto: xoves, venres e sábados
11.30 HORAS
XOVES | XULLO E AGOSTO
Diurnas, ás 19h | Nocturnas, ás 22.30h
6,19,20 e 27 de xullo | 2, 3, 10, 24 de agosto | 1 de setembro