Baldomero Pestana en París

A mostra retrospectiva da Cidade da Cultura de Galicia e o Instituto Cervantes sobre o fotógrafo galego Baldomero Pestana exhíbese en París, despois de que fose vista por máis de 15.000 persoas no Museo Gaiás en Santiago de Compostela e, anteriormente, en Madrid por máis de 10.000 visitantes. Deste xeito, a obra dun dos grandes retratistas da segunda metade do século XX regresa a unha das cidades importantes da súa biografía, na que inmortalizou a grandes como Gabriel García Márquez, Man Ray, Roman Polansky ou Bryce Echenique.

A colaboración co Instituto Cervantes na exposición máis completa sobre Baldomero Pestana (Castroverde, Lugo 1917- Bascuas, 2015) permite non só recatar esta obra para a memoria artística e Galicia, senón divulgala no resto de España e en países que forman parte da súa biografía como Francia ou Arxentina, xa que a próxima itinerancia prevista, tras a clausura en París, será Buenos Aires.

París é —xunto con Lima — a cidade máis importante da traxectoria vital de Baldomero Pestana. O fotógrafo de Castroverde e a súa muller, Velia, chegaron a París en plena efervescencia estudantil que estalaría no Maio do 68, a cidade volveu converterse, como a principios do século XX, na capital cultura e artística de Latinoamérica. O traballo de Pestana, ao principio, tivo que ver co fotoxornalismo e nesta cidade publicou reportaxes para La Nación. Mais tamén logrou incrementar a súa galería de retratos, pois, en efecto, se hai unha cidade onde nesa época se podía facer retratos de persoeiros da cultura e artistas, sobre todo latinoamericanos, era París. Alí vivían Eielson e Ribeyro e Bryce e Hinostroza, entre outros moitos.

En París retratou a españois como Fernando Arrabal e a César Fernández Moreno e foi nesta cidade onde fotografou a Gabriel García Márquez , Carlos Fuente, Polanski, Man Ray ou a Bryce Echenique. Durante estes anos tamén se ocupou da súa outra gran paixón: o debuxo, coincidindo co gusto da moda polos hiperrealistas e o que se chamou despois fotorrealistas.

A importancia de París na biografía de Baldomero Pestana tamén o é desde o punto de vista persoal. En París está ata que morre a súa muller Velia, e o seu falecemento determinou que abandonase a capital francesa e tomar a decisión, como dicía sempre, de pechar o círculo e regresar a súa terra, Galicia, da que se foi sendo un cativo, e onde faleceu en 2015.

Cento de fotografías

A mostra —que reúne preto dun cento fotografías,  documentos de traballo e unha escolma de obxectos persoais— está co-comisariada pola historiadora galega Chus Villar e o escritor Juan Bonilla e pon en valor a un mestre da cámara que, a pesar da notoriedade que acadou en vida, especialmente en Perú, era aínda un descoñecido para o gran público.

Un inxusto esquecemento ao que a Xunta de Galicia  –a través da Fundación Cidade da Cultura e o Instituto Cervantes queren poñer fin aproveitando a proxección do Museo Centro Gaiás e a rede de centros do Instituto Cervantes no exterior. Así, despois de iniciar o seu percorrido o pasado mes de febreiro en Madrid e pasar pola Cidade da Cultura ata o 2 se setembro, as fotografías de Pestana viaxan a París, onde se exhiben ata o 14 de decembro.

Esta exposición segue a liña de proxectos conxuntos entre a Cidade da Cultura e o Instituto  Cervantes como a mostra José Suárez. Uns ollos vivos que pensan, que permitiu  promover un maior coñecemento doutro fotógrafo xenial descoñecido para o gran público.

Desta forma, con Baldomero Pestana, a verdade entre as mans a Xunta continúa a traballar na recuperación do legado de galegos que construíron na diáspora unha obra memorable, que  nos lembran que Galicia esténdese alén do Atlántico e a tantos territorios de Europa e América cos que seguimos conectados.

 
Exposicións
 
29 AGOSTO-15 DECEMBRO
De 10 a 20 horas
19 SET - 5 XAN 2020
De 10 a 20 horas
14 NOV 2019 - 12 ABR 2020