Arquivo de Galicia | Memoria dunha década

O espazo expositivo do Arquivo e Biblioteca de Galicia ten aberta ao público a exposición Memoria dunha Década, coa que quere celebrar dez anos de existencia do Arquivo de Galicia.

A exposición desenvolve o seu fío argumental, que é dobre, a través de dez vitrinas. Por un lado, ofrécese información sobre a súa creación, os espazos nos que desenvolve a súa actividade, as súas funcións, etc. Por outro, amósase unha selección de documentos, tanto públicos como privados, procedentes dos distintos fondos que ao longo destes anos foi incorporando.

No ano 2010 creábase o Arquivo de Galicia como arquivo intermedio e histórico dos diferentes órganos da Xunta de Galicia ou das entidades dependentes cun ámbito territorial superior a unha provincia e como centro de referencia do Sistema de Arquivos de Galicia.

Ao longo destes dez anos o Arquivo de Galicia desenvolveu unha importante actividade en diferentes ámbitos, sempre co compromiso de velar pola consecución dunha xestión documental eficaz, capaz de garantir os dereitos e obrigas da Administración e da cidadanía e pola conservación e difusión do patrimonio documental de Galicia, unha parte fundamental da nosa memoria colectiva. 

CIDADE DA CULTURA

O día 11 de xaneiro de 2011 tiña lugar a inauguración oficial tanto do edificio do Arquivo de Galicia como do destinado a Biblioteca de Galicia nun acto que foi presidido polos actuais reis de España, naquel momento príncipes de Asturias. Ambos os dous foron os primeiros edificios dos que compoñen a Cidade da Cultura postos en funcionamento.

Este complexo, proxectado polo arquitecto americano Peter Eisenman e inspirado no casco histórico da cidade de Santiago de Compostela, foi declarado Patrimonio Cultural da Humanidade pola UNESCO en 1985. Créabase así o Arquivo de Galicia nun edificio emblemático para facilitar a súa visibilidade.

OS ESPAZOS

No ano 2012 a redifinición dalgúns espazos introducidos polo Plan Gaiás, levou canda sí o traslado de parte das instalacións do Arquivo ao edificio que na actualidade comparte coa Biblioteca de Galicia, mantendo na mesma ubicación o espazo destinado a depósito documental.

O depósito da Cidade da Cultura, dotado con estanterías compactas, pode aloxar aproximadamente 10 quilómetros de documentos. A suma desta infraestrutura á do Tambre proporciona ao Arquivo unha capacidade de 21 quilómetros.

O EQUIPO HUMANO

Desde o ano 2010 o Arquivo de Galicia conta cun cadro de persoal formado por arquivistas (6), persoal subalterno (3), persoal de administración (1) e unha dirección con categoría de subdirección xeral.

DOAZÓNS

No ano 2011 recíbense as dúas primeiras doazóns: o arquivo da Familia Vilariño Pintos e o do avogado compostelán Clemente González Péon. A partir deste momento ingresarán no centro, ben por doazón, depósito ou compra, outros arquivos persoais, familiares, empresariais ou de institucións de interese para o coñecemento e difusión da historia e cultura de Galicia.

GALICIANA

Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia é unha plataforma coordinada polo Arquivo de Galicia que permite a consulta a través dun punto único tanto de documentos con obxectos dixitais asociados como aqueloutros non dixitalizados de arquivos integrados no Sistema de Arquivos de Galicia. 

EXPOSICIÓNS

No ano 2013 o Arquivo organiza a súa primeira exposición, titulada Patrimonio documentado. Pretendía chamar a atención sobre o feito de que a actividade dos poderes públicos se materializa nos documentos que xenera e que este patrimonio documental convírtese no contrapunto doutro patrimonio moito máis visible, o patrimonio construído. Tamén quería resaltar a actuación da Administración en relación co patrimonio cultural desde o século XIX ata a actualidade. A partir deste momento o Arquivo non deixou de cumprir este compromiso coa sociedade difundindo novos ingresos ou sumándose á celebración de eventos que contribuisen a facer público o patrimonio custodiado.

Neste sentido cómpre destacar a serie de exposicións Mulleres sobranceiras que dende a ano 2016 organiza o centro na celebración do Día Internacional da Muller.

 
Exposicións
 
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h