20 anos de Proxecto Terra

O ProxectoTERRA é un proxecto de cooperación co mundo da educación dirixido ás distintas etapas da educación obrigatoria, que se propón contribuír á mellora da formación que a poboación escolar de Galicia ten sobre as xentes, os espazos e os lugares que habitamos. Unha formación que redunde nun incremento da súa capacidade crítica e propositiva sobre o noso medio construído para acadar unhas mellores condicións de vida.

O traballo feito desde o ProxectoTERRA fora ben documentado e visibilizado na exposición itinerante para a conmemoración dos quince anos. Naquela ocasión, achegáronse á veciñanza das principais cidades de Galicia os contidos, recursos e posibilidades que o ProxectoTERRA facilitaba e continúa a facilitar aos centros educativos. Resultou ser unha exposición viva, na rúa, que permitía a interacción con crianzas e maiores e que foi mudando o seu escenario ao longo do verán do ano 2016.

Coincidindo coa celebración dos vinte anos de vida do proxecto, chega ao Museo Centro Gaiás unha nova versión desta exposición, plenamente consciente do legado de Xosé Manuel Rosales Noves -alma e motor indiscutible do ProxectoTERRA- coa responsabilidade de coidar e proseguir o seu traballo.

A voz da comunidade educativa

A exposición amosa o traballo desenvolvido por centros educativos galegos que levan participando co proxecto desde os seus inicios, e que inclúe ideas e proxectos propios, elaborados conxuntamente por profesorado e alumnado, nos que se tratan temas de Paisaxe, Identidade territorial, Arquitectura, Urbanismo, Medio Ambiente e, desde os últimos anos, Dereito ao Hábitat.

Recompílanse máis de sesenta proxectos e traballos educativos, nos que participou alumnado de Educación Infantil, Primaria, Secundaria e Formación Profesional. Gran parte destes proxectos desenvolvéronse dentro do Plan Proxecta, plan de innovación educativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, no cal o Proxectoterra participa desde o ano 2012. Con toda esta información preténdese presentar á sociedade galega un exemplo de boas prácticas da labor educativa e docente do noso país, que poida servir de inspiración e pulo a novas ideas e proxectos innovadores no ámbito educativo.

As graves consecuencias derivadas da crise sanitaria en todas as esferas da vida puxeron aínda máis en evidencia a interdependencia entre as persoas, os territorios e o planeta. A concienciación e o esforzo colectivo por mellorar o escenario das futuras xeracións debe aumentar e o ProxectoTERRA considera esencial continuar aportando propostas para a consecución do dereito ao hábitat desde o ámbito educativo.

Relatar nestra mostra o traballo realizado por parte das comunidades escolares ao abeiro do ProxectoTERRA cobra aínda máis sentido nas circunstancias actuais, na procura de narrar, dar voz e poñer en valor tantas iniciativas de calidade e rigor emprendidas durante estes anos. Pese a que non poidan estar todas presentes, serve esta mostra coma unha homenaxe colectiva.

 
Exposicións