Biblioteca e Arquivo de Galicia

O edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia alberga estas dúas institucións independentes.

Cabeceira do sistema de bibliotecas galegas e do patrimonio documental da nosa comunidade, a Biblioteca de Galicia reúne, conserva e difunde todo o patrimonio bibliográfico da comunidade e facilita o seu acceso, xa sexa de forma presencial ou virtual. Peza clave para as actividades culturais relacionadas co libro, a lectura e as bibliotecas, a difusión da cultura galega é un dos grandes obxectivos desta institución. Ademais, funciona como depósito legal de todas as publicacións editadas en Galicia, das que se deposita unha copia nas súas instalación.

O legado cultural deixado por Isaac Díaz Pardo, obras e gravados de Seoane, a biblioteca de Basilio Losada, as obras de Carlos Casares ou a más completa cartografía de Galicia forman xa parte duns fondos abertos a todos os cidadáns.

O Arquivo de Galicia, como cabeceira e de referencia do sistema de arquivos da comunidade, a súa misión é a de recibir, custodiar e poñer a disposición dos cidadáns todos aqueles documentos públicos ou privados en calquera tipo de formato que, polo seu valor, precisen ser conservados. Ademais, o Arquivo de Galicia custodia os documentos emanados das actividades da Xunta de Galicia e os seus órganos dependentes, asegurando o seu acceso aos cidadáns.

Cunha ampla sala de lectura, unha potente rede wifi e un servizo de consulta dixital, a Biblioteca e Arquivo de Galicia ábrese aos usuarios como zona de estudo pero tamén como lugar para acoller diferentes eventos: desde concertos a proxeccións audiovisuais ou obradoiros. Unha función que se complementa co auditorio do que dispón o edificio, cunha capacidade para 120 persoas.

Información sobre servizos da Biblioteca e o Arquivo de Galicia 

➖ As instalacións da Biblioteca de Galicia están abertas ao público cos servizos e horario habituais -de 9 a 21 horas, de luns a domingo. A capacidade da sala de lectura é de 90 postos.

➖ O persoal da Bilioteca de Galicia ofrece tamén os seus servizos dixitais a través da páxina web bibliotecadegalicia.xunta.gal e Galiciana. As persoas usuarias teñen ao seu dispor os teléfonos 981 545 070 / 981 545 963 e o enderezo electrónico: bibliotecadegalicia@xunta.gal para dúbidas ao respecto dos servizos  vactivos.

➖ O Arquivo de Galicia mantén a atención telemática, reservando a atención presencial baixo cita previa contactando en: arquivogalicia@xunta.gal ou no teléfono 881999661.

Uso da sala de lectura

➖ Postos na sala de lectura numerados e limitados a un máximo de 90. Como norma habitual, os números asignaranse por orde de chegada. 

➖ Para garantir un uso solidario e eficiente dos postos de lectura, as persoas con postos asignados non poderán ausentarse do seu máis dunha hora seguida. De ser o caso, o persoal técnico e de seguridade da biblioteca poderá desaloxar ese posto. 

➖ O servizo de limpeza da Biblioteca de Galicia fará revisións periódicas cada dúas horas (2 horas) para desinfectar os postos que se atopen libres neses momentos.  Se nese intervalo de tempo queda algún posto libre, poderá ser ocupado por outra persoa sempre que se responsabilice da súa limpeza e desinfección. A Biblioteca de Galicia facilitará o xel hidroalcohólico e os papeis desbotables necesarios para que poida realizar a limpeza do posto.

➖ Cando as persoas usuarias decidan abandonar definitivamente o posto asignado, deberán devolver o número facilitado no mostrador central da biblioteca.

Medidas sanitarias

➖ Poderán visitarse libremente as exposicións da Biblioteca e Arquivo de Galicia, respectando a capacidade do espazo.

➖ Prégase a todas as persoas usuarias un cumprimento estricto das medidas sanitarias:

  • A máscara de protección será obrigatoria en todo momento.
  • É obrigatorio empregar o xel hidroalcólico dispoñible na entrada do edificio.
  • Manterase en todo momento a distancia de seguridade mínima de 1,5 metros entre persoas non conviventes.
  • Cómpre seguir en todo momento as indicacións do persoal da Biblioteca e Arquivo de Galicia.
  • Non está permitido desprazar ou mover do seu lugar cadeiras, mesas ou outras pezas de mobiliario. Os estantes das librerías da sala de lectura non poderán utilizarse para depositar obxectos persoais.

  • Non está permitido introducir comida ou bebida, agás auga embotellada.