Volven os obradoiros artísticos das Finde na Balea

Santiago de Compostela, 23 de Agosto de 2017

A Cidade da Cultura de Galicia convida os máis pequenos e pequenas a subir ao Gaiás todos os sábados de setembro para sacar fóra o grande artista que levan dentro. Será grazas ao programa creativo Findes na Balea, que volve á programación do Museo Gaiás para que nenos e nenas experimenten coa súa faciana creativa a través das exposicións que acolle na actualidade: Da árbore á cadeira e Flor Novoneyra.

Findes na Balea contará todas as tardes do vindeiro mes con tres obradoiros infantís de dúas horas de duración (de 17 a 19 horas) co obxecto de estimular as aptitudes artísticas dos pequenos e pequenas, á vez que animalos a experimentar coa creatividade e imaxinación deles e das súas familias, como é no caso de Xardíns Portátiles e Poesía Visual. Mentres que o terceiro taller, Debuxando o Gaiás, vai dirixido aos rapaces, neste caso entre 8 e 11 anos, sen a participación de adultos que os acompañen.

Tres obradoiros vinculados ás exposicións

Vinculado á exposición Da árbore á cadeira celebrarase o obradoiro Xardíns Portátiles, que contará con dúas sesións, o 2 e o 16 de setembro. Dirixido a nenos, entre 5 e 9 anos, este taller creativo centrarase nas características da paisaxe galega. Así, durante a actividade, daranse a coñecer as plantas que saen espontaneamente no monte Gaiás, en particular aquelas que poden ser reempregadas pola súa función ornamental.

O desafío proposto neste obradoiro familiar é o de utilizalas para construír xardíns ornamentais. Para iso, os participantes aprenderán a saber identificalas; como reproducilas; e que tipo de coidados necesitan. Cada participante creará o seu propio xardín portátil, que levará para a súa casa para aprender e gozar do seu coidado.

O obradoiro Poesía Visual contará cunha única sesión, o 9 de setembro, e está dirixido a cativos, de entre 7 e 10 anos de idade, cun titor responsable. A través de dúas figuras senlleiras da cultura galega como Uxío Novoneyra e Antón Lamazares, reunidos na excepcional mostra Flor Novoneyra, os máis pequenos e pequenas da casa vanse converter durante unha tarde en poetas e artistas. Como resultado do obradoiro, cada participante producirá o seu propio Lamazares, un poema visual escrito en Alfabeto Delfín, un código inspirado no abecedario occidental creado polo pintor de Lalín en homenaxe ao seu pai e utilizado en todas as facianas da súa vida e obra desde 2012.

As dúas sesións de Debuxando o Gaiás serán os derradeiros obradoiros de Findes na Balea de setembro e celebraranse os sábados 23 e 30. Dirixido a rapaces entre 8 e 11 anos, neste caso xa sen acompañantes, está vinculado á exposición: ‘Da árbore á cadeira’.

Trátase dunha actividade lúdica na que os e as participantes pasarán dúas horas en contacto coa natureza, sempre que o tempo o permita. No caso de non poder saír fóra, os rapaces terán a posibilidade de traballar en contacto directo coas pezas das exposición debuxando nas propias salas do Museo Gaiás e reinterpretando os materiais expostos nas salas.

A dinámica do obradoiro pasa por un rápido percorrido pola exposición Da árbore á cadeira, centrándose en como os diferentes artistas plasman as árbores e os bosque; ensinándolles solucións técnicas que despois poderán empregar dun xeito práctico nos seus traballos; para inmediatamente proceder ao debuxo dos elementos naturais do exterior ou do interior.

As cinco sesións destes tres obradoiros de Findes na Balea contan cunha entrada individual de 3€, con posibilidade de ofertas e descontos para colectivos especiais que se poden consultar en www.cidadedacultura.gal. As entradas están á venda no Museo Centro Gaiás, en ataquilla.com (+gastos de xestión) e nos puntos físicos que Ataquilla dispón en varias cidades galegas.