Como traballa un poeta? Como crea un artista?
A través de dúas figuras senlleiras da cultura galega como Uxío Novoneyra e Antón Lamazares, reunidos na excepcional mostra Flor Novoneyra, os máis pequenos da casa vanse converter durante unha tarde en poetas e artistas.
A actividade consistirá nunha visita comentada á mostra Flor Novoneyra na que se traballará a linguaxe da poesía cos participantes. A visita estará dinamizada con materiais textuais, facendo lecturas de fragmentos de Novoneyra e outros poetas galegos. Os participantes crearán os seus propios poemas, explorando as principais técnicas literarias de xeito intuitivo. Os adultos exercerán como canles para facilitar a comprensión dos cativos.
A actividade estará complementada cun obradoiro no cal os nenos e nenas aprenderán a valorar as cores e a descifrar o Alfabeto Delfín. Faremos unha pequena introdución a codificación e empregaremos o código creado por Antón Lamazares para xerar as nosas propias obras artísticas, inspiradas na obra do pintor lalinense.
Como resultado do obradoiro, cada participante producirá o seu propio Lamazares, un poema visual escrito en Alfabeto Delfín personalizado.


