Debuxando o Gaiás

Cando debuxamos ollamos dun xeito diferente ao mundo que nos rodea. O debuxo pode ser moitas cousas: un entretemento, un xeito de representar a realidade da nosa contorna, un medio de coñecemento ou de expresión artística; así coma tantas outras cousas que poidamos imaxinar xa que, coma toda linguaxe, a plástica pode ser un vehículo de transmisión de coñecemento ao tempo que un fin cultural en si mesma. A marabillosa ferramenta do debuxo pódese empregar  para unha chea de posibilidades na vida dunha persoa, o desenvolvemento desta disciplina pode axudarnos no crecemento persoal mellorando as nosas habilidades de observación e a nosa capacidade de abstracción.

Descrición

Partiremos da premisa e título da exposición: Da árbore a cadeira para programar unha actividade lúdica, coa que pasaremos dúas horas en contacto coa natureza, sempre que o tempo o permita. Se o primeiro non fose posible, por ter unha meteoroloxía adversa, os usuarios/as do obradoiro non deben desanimarse xa que, de xeito absolutamente excepcional, teremos a posibilidade de traballar en contacto directo coas pezas das exposición debuxando nas propias salas do museo e reinterpretando os materiais expostos nas salas.

Traballaremos con ferramentas sinxelas e técnica seca, coma pastel, lapis ou ceras, que permiten poñer os trazos e cores ao servizo dos motivos que os rapaces e rapazas queiran reflectir. A dinámica do obradoiro pasa por un rápido percorrido a exposición centrándonos en como os diferentes artistas plasman as árbores e os bosques ensinándolle solucións técnicas que despois poderán empregar dun xeito práctico nos seus traballos para inmediatamente proceder ao debuxo dos elementos naturais do exterior ou do interior. 

 
En familia
 
 
14 Mar 2026
De 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas