Visitas comentadas por Youtube da exposición 'As miradas de Isaac'

Santiago de Compostela, 11 de Febreiro de 2021

A Cidade da Cultura de Galicia, no marco das iniciativas dixitais desenvolvidas para que as restricións da pandemia non impidan acceder aos seus contidos culturais, ofrecerá esta fin de semana ás 12,00 horas visitas guiadas á exposición As miradas de Isaac emitidas en directo a través da súa canle de Youtube.

Esta iniciativa súmase ao programa de visitas didácticas para estudantes de toda Galicia que se emiten por videoconferencia e a visita virtual dispoñible na páxina web cidadedacultura.gal para todas aquelas persoas que desexen mergullarse nesta exposición desde a casa o poidan facer a través do seu ordenador ou de calquera dispositivo móbil.

Deste xeito, a Xunta de Galicia tira proveito das vantaxes que ofrece a tecnoloxía para achegar esta exposición ao maior número de persoas ante o peche do Museo Centro Gaiás e das súas actividades presenciais pola situación sanitaria da covid-19. Estas visitas comentadas en liña comezarán os vindeiros sábado e domingo, 13 e 14 de febreiro, coa posibilidade de estendelas despois.

Nas visitas guiadas en liña afondarase no contidos dun mostra na que a través de dez seccións se fai un completo percorrido vital e profesional dun creador poliédrico. Ao longo do seus 91 anos de vida, Díaz Pardo foi pintor, ceramista, editor, escritor e estivo detrás de proxectos culturais tan importantes como o Laboratorio de Formas, Sargadelos, o Instituto Galego da Información, Ediciós do Castro ou o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, entre outros.
Os profesionais da Cidade da Cultura guiarán aos visitantes virtuais por unha mostra que arranca coa importancia do pai, Camilo Díaz Baliño, no desenvolvemento da personalidade de Díaz Pardo; tamén aborda a súa faciana de cartelista e pintor; o seu contacto co exilio e o seu compromiso pola recuperación da memoria histórica; o labor como escritor; os emprendementos empresariais, con Sargadelos como insignia das súas realizacións industriais; as iniciativas editoriais, culturais e investigadoras; os seus deseños industriais que proxectou máquinas, porcelanas ou mobles; e finalmente o recuperador –con Luis Seoane– da vangarda artística galega anterior á Guerra Civil.

Toda a programación en liña en cidadedacultura.gal

Esta nova actividade encádranse dentro da programación en liña da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Entre os múltiples recursos culturais en liña que a Cidade da Cultura ten activos a través da súa páxina web www.cidadedacultura.gal, atópase tamén a visita virtual a Galicia, un relato no mundo, festivais en liña, catálogos para descargar, streaming sobre novas tendencias culturais ou receitas de cociñas para a cativada creadas por unha escolma das mellores ilustradoras galegas e retos e enigmas de arte para resolver entre toda a familia.