'Plástico a mareas' sensibiliza sobre a contaminación dos plásticos no mar nas Torres Hejduk

Santiago de Compostela, 05 de Xuño de 2019

As Torres Hejduk da Cidade da Cultura de Galicia acollen desde hoxe  ata o 18 de agosto Plástico a mareas, unha instalación artística de María José Arceo para alertar da alta contaminación que producen estes refugallos na contorna natural.

Na inauguración desta tarde, que se fixo coincidir ex profeso coa celebración do Día Internacional do Medio Ambiente, o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, enxalzou o papel da arte como “valiosa ferramenta” de sensibilización social ante problemas graves, como o exceso de lixo, sobre todo os residuos plásticos e a contaminación que estes provocan no medio ambiente. Neste senso, lembrou a conexión das Hejduk coa contorna,  tanto porque foron ideadas como torres botánicas para o parque de Belvís, como por ter acollido intervencións artísticas vencelladas ao medio ambiente, como Betula Pendula de Martín Toimil, quen pendurou bidueiros (queimados e vivos) para sensibilizar sobre a lacra dos lumes nos montes galegos.

No caso de Plástico a mareas, María José Arceo realizou a intervención a partir de refugallos deste material recollidos da costa galega e do río Sar en Compostela,  a súa cidade natal, aínda que vive desde 1984 en Londres. Deste xeito, a artista desprazouse durante o mes de maio a Galicia para realizar limpezas en praias, de xeito individual ou con colectivos, como un de persoas con discapacidade intelectual —organizado a través de Aspamite de Teo— e que asistiron hoxe á inauguración. Con estas colaboracións, María José Arceo procurou unha implicación colectiva da sociedade co obxecto de apelar a súa corresponsabilidade altruísta na conservación e no respecto do medio.

Este colectivo colaborou nunha recollida de lixo na Illa de Arousa e tamén na elaboración de 3 das 7 restras de paus de tiburón das bateas, que se poden ver na torre opaca das Hejduk, na que se nos traslada a un fondo mariño. Neste senso recreativo, Plástico a mareas procura unha experiencia de percepción multisensorial, de carácter inmersivo, coa intención de provocar fisicamente os e as asistentes; transportalos ao mesmo fondo do océano e, desa maneira, proporcionarlles a oportunidade de visualizar e percibir —a través de cheiros, sons e luces— os problemas que a presenza de plásticos xera na auga e conseguir, á vez, estimular e espertar hábitos de consumo responsable.

Día Internacional do Medio Ambiente

Plástico a mareas fíxose coincidir ex profeso co Día Internacional do Medio Ambiente, xa que a artista compostelá María José Arceo centra o seu traballo en accións para espertar a conciencia medioambiental da sociedade.  Así, tamén no río Támesis levou a cabo unha limpeza similar á realizada no Sar, na que transformou o lixo recollido nunha pegada xigante.

Precisamente, neste Día Internacional do Medio Ambiente a patrocinadora da intervención Plástico a mareas, a empresa Viaqua, realizou varias actividades vencelladas con esta celebración. Así, pola mañá, a Sala Eisenman acolleu unha entrega de premios literarios a escolares da ESO e Bacharelato do IES Antón Fraguas (Santiago de Compostela). As gañadoras foron tres rapazas que afondaron nas súas creacións sobre a importancia da auga como recurso escaso e imprescindible para vivir.

Pola tarde, organizouse unha cata de augas e un obradoiro. A esta acción convidouse a un colectivo de nais con contas influencers nas redes sociais, que tamén asistiron previamente á inauguración, xunto ao director de Viaqua, Julio Masid, quen amosou o compromiso da entidade con iniciativas que,  desde o ámbito da cultura e da arte, incidan na sensibilización e corresponsabilidade de toda a sociedade na conservación e respecto ao medio ambiente