O primeiro estudo de contabilidade social da Cidade da Cultura estima que xera un valor anual na sociedade de 24 M€

Fotos: Óscar Corral
Santiago de Compostela, 22 de Marzo de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou hoxe as conclusións dun estudo para medir o impacto e aportación da Cidade da Cultura á sociedade, realizado en colaboración coa Deusto Business School e seguindo a metodoloxía da contabilidade social. A contabilidade social traduce a cifras o valor que unha organización crea na súa contorna, no que respecta a variables que, por non teren un prezo, non se reflicten na contabilidade tradicional, pese a que si son percibidas como valiosas pola cidadanía. Aplicado ao caso da Cidade da Cultura, este modelo de análise estima que o complexo aporta anualmente un valor que supera os 24 M€, xerando un retorno para a sociedade de 1,85 euros por cada euro recibido de investimento público.

Os resultados deste estudo foron presentados polo conselleiro nun acto celebrado no Museo Centro Gaiás, que contou tamén coa participación do profesor de Economía da Deusto Business School e especialista en contabilidade social, José Luis Retolaza; do responsable de Estratexia da consultora LKS Next –autores do estudo–, Alfonso Etxanobe, e da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez.

Román Rodríguez destacou o carácter pioneiro en Galicia deste traballo, que parte dunha metodoloxía internacionalmente avalada, incidindo en que investigacións coma estas permiten ás organizacións “ampliar información, ser máis transparentes e ter unha fotografía, con base académica, do que estamos a achegar á sociedade, máis alá da cifra de resultados”.

Plan estratéxico 2027

“Non estamos ante unha investigación puntual, senón fronte á implementación dun novo modelo de xestión que nos permitirá seguir a evolución nos vindeiros anos, xa que coñecer canto valor achega a Cidade da Cultura e determinar onde está a facelo, permitiranos comprobar que se están a cumprir os obxectivos cos que foi creada e axustar o rumbo de ser preciso”, asegurou o titular de Cultura do Goberno galego.

O conselleiro lembrou que os resultados deste estudo chegan nun momento “de especial significado para a Cidade da Cultura, por unha banda cando se cumpren dez anos desde a súa apertura ao público, e por outro, nun intre no que se está a deseñar o seu II Plan Estratéxico, que marcará a folla de ruta da institución desde aquí a 2027”.

Neste momento, remarcou o titular de Cultura e Educación, “o complexo do Gaiás está a operar nos eidos da cultura, a tecnoloxía e o emprendemento, pero moi pronto sumará tamén novos eixos de traballo, como a educación ou os estudos do patrimonio, co remate do Edificio Fontán”. A variable medioambiental do complexo, con máis de 40 hectáreas de espazos verdes e máis de 12.000 árbores, lembrou tamén o conselleiro, “engade outro eixo adicional ás diversas dimensións nas que cremos que cómpre ser medido o impacto e as achegas que a Cidade da Cultura fai á sociedade, que van moito máis alá da conta de resultados que pode reflectir a contabilidade tradicional”.

O valor social e comunitario

O estudo, realizado en 2020 a partir de datos referentes a 2019, parte da metodoloxía da contabilidade social para identificar unha serie de colectivos aos que a Cidade da Cultura lles está a aportar valor: sector cultural, sector educativo, persoas usuarias e visitantes, institucións públicas, colectivos residentes, provedores de servizos, sector turístico, traballadores, etc. Durante o proceso do estudo realizáronse unha serie de entrevistas ou cuestionarios a estes colectivos, de cara a identificar en que eidos a Cidade da Cultura lles aporta valor. Deste xeito, determinouse que a xeración de coñecemento e divulgación da cultura é un dos eixos de actuación máis valorados do Gaiás, pero non o único, destacando tamén a atracción de programación externa, a formación, a integración comunitaria ou a oferta de ocio de calidade.

A través da metodoloxía da Universidade de Deusto, que emprega indicadores de aproximación –proxys–, o estudo traduce a euros o valor destas variables, cuantificando achegas do Gaiás como o espazo de estudo e investigación que supón a Biblioteca de Galicia, a programación expositiva e de eventos culturais que ofrece o complexo, a oferta de ocio e lecer dos espazos naturais ou os espazos de viveiro empresarial do Centro de Emprendemento. Así, cuantifícase o valor destas aportacións –valor social de non mercado-, cifrándoo en 9,2 millóns de euros no ano da análise (2019).

O estudo agrega esta cantidade á que xa recolle a contabilidade clásica, a través dos modelos de Estados de Valor Engadido propostos pola AECA (Asociación Española de Contabilidad y Administración de Empresas). Deste xeito, cifra en 15,19 millóns de euros o valor de mercado que xera a institución a través da venda de entradas, contratos a artistas e provedores, pago de impostos, aluguer de espazos, etc. A suma destas dúas variables cuantifica o valor total que a Cidade da Cultura aporta en 24,39 millóns de euros, ou o que é o mesmo, conclúe que por cada euro de investimento público recibida, o complexo ofrece un retorno de 1,85 euros para a sociedade.

Metodoloxía científica

Un grupo de universidades españolas, lideradas pola Deusto Business School e a UPV / EHU Universidade do País Vasco, no marco do Centro Internacional de Investigación e Información sobre a Economía Pública, Social e Cooperativa (CIRIEC), levan unha década traballando no desenvolvemento dun procedemento que permita sistematizar o valor xerado polas organizacións para a sociedade, traducíndoo a unidades monetarias, ampliando o concepto da contabilidade tradicional.

Para isto aplícanse unha serie de variables estandarizadas que permiten visualizar o impacto global dunha organización, aportando cifras que complementan a contabilidade clásica e amosan de xeito comprensible esta contribución social.

 
Fotos: Óscar Corral
Fotos: Óscar Corral
Fotos: Óscar Corral
Fotos: Óscar Corral