A instalación 'O marabilloso Camiño de Inverno' une o Nadal coa Ruta Xacobea no Museo Centro Gaiás

Santiago de Compostela, 17 de Decembro de 2021

A Xunta de Galicia convida ás familias a percorrer O marabilloso Camiño de Inverno na Cidade da Cultura, unha instalación que nos transporta á Ruta Xacobea, atravesando un bosque de luz poboado por globos de neve xigantes e pequenos que atesouran no seu interior paisaxes, monumentos e cidades emblemáticas do Camiño.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, animou a pequenos e maiores a compartir a ilusión e a emoción do Nadal e a redescubrir o Camiño de Inverno nesta instalación, que pode visitarse de balde ata o 6 de xaneiro, e que se enmarca na programación do Goberno galego de Nadal no Gaiás.

A instalación inaugurouse hoxe á tarde co tradicional prendido das luces da árbore de Nadal, ao que asistiu o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado da directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo e da deseñadora e escenógrafa galega Ana Inés Jabares-Pita, creadora de O marabilloso Camiño de Inverno.

Aproveitando a conmemoración do Xacobeo 21-22, Jabares-Pita propúxose unir o Nadal co Camiño de Santiago e atopou no Camiño de Inverno o elemento común do que partir. Este itinerario que os peregrinos adoitaban empregar para evitar as neves do Cebreiro, foi a súa inspiración para construír un paraíso de inverno no Gaiás.

As familias atoparán no Hall de Tirantes do Museo globos de neve a escala humana que gardan no seu interior diferentes paisaxes, monumentos e cidades desta ruta, que entra en Galicia por Ponferrada e continúa seguindo o curso natural do río Sil pola comarca de Valdeorras, o sur da provincia de Lugo e o Deza ata chegar a Compostela. O marabilloso Camiño de Inverno propón para a cativada un percorrido máxico que xoga coa luz e coas escalas, do xigante ao diminuto, e convida tamén a resolver o enigma de identificar as diferentes etapas do Camiño. 

Un deseño con sinatura de talento galego

Ana Inés Jabares-Pita conta cunha recoñecida traxectoria como escenógrafa e deseñadora para espectáculos de ópera, danza e teatro. Traballa principalmente no Reino Unido, onde colabora con algunhas das compañías de máis prestixio do país, como A English National Opera, o Royal Court Theatre ou a Royal Shakespeare Company, entre outras. O seu talento valeulle no ano 2013 o Premio Linbury, o galardón máis importante no ámbito da escenografía no Reino Unido. 

A deseñadora confesa que o maior reto que enfrontou para crear O marabilloso Camiño de Inverno foi o propio espazo do Museo Centro Gaiás. Non só polas diferenzas respecto dun teatro ou auditorio, senón pola propia grandiosidade da arquitectura de Eisenman, que asegura hai que entender e adaptarse a ela, porque competir con ela é imposible. Tamén o traballo de documentación previo foi moi exhaustivo, ao non dispor dun texto ou música concretas como referencia da que partir. Con todo, afirma estar moi satisfeita co resultado e agarda poder repetir máis a miúdo experiencias como a que lle ofreceu a Cidade da Cultura, de traballar fóra dos teatros.

Música, maxia e circo no ‘Nadal no Gaiás’

Tras o prendido das luces, a cantaora Marina Heredia e a Sinfónica de Galicia ofreceron no Museo Gaiás o seu primeiro concerto xuntos, no que interpretaron unha selección de cancións antigas españolas musicadas por Federico García Lorca e a obra El corregidor y la molinera de Manuel de Falla. Con esta actuación, a Cidade da Cultura deu comezo á súa programación do Nadal no Gaiás, con actividades para todos os públicos.

O Camiño de Santiago estará presente tamén nas tardes de maxia que a compañía Magia en La Manga trae ao Museo nas dúas últimas semanas de decembro, con obradoiros para nenas e nenos a partir de 6 anos de idade e o espectáculo Ilusións do Camiño. O broche final do Nadal no Gaiás virá da man de La Fiesta Escénica e o seu Circo de Nadal con animais animatrónicos, o día 3 de xaneiro.

Ademais, a Cidade da Cultura recuperou este ano o seu tradicional concurso infantil de postais de Nadal, dirixido á cativada de 0 a 9 anos de idade. Nesta ocasión, a proposta para as pequenas e pequenos artistas é debuxar unha paisaxe de inverno dentro dun globo de neve. As máis orixinais recibirán un convite familiar ao espectáculo do Circo de Nadal e un agasallo sorpresa.