Cifra récord de 12.000 visitantes no primeiro mes de 'Galicia, un relato no mundo'

Galicia, un relato no mundo (Manuel G. Vicente)
Santiago de Compostela, 17 de Decembro de 2019

A exposición Galicia, un relato no mundo recibiu no seu primeiro mes un total de 12.000 visitantes, unha cifra récord que supera incluso a de mostras cunha excepcional acollida entre o público, como foi o caso de Castelao Maxistral. A boa obra ao mestre honra, na que se exhibiu por vez primeira en Galicia o icónico cadro A derradeira leición do mestre de Castelao. Cunha media de 442 visitantes por día, a primeira exposición do Goberno galego polo Xacobeo 2021, que se pode ver nestes momentos no Museo Centro Gaiás, espertou un grande interese entre o público, rexistrándose xornadas nas que se supera incluso o milleiro de visitas nos días de maior afluencia.

O alto interese da exposición constátase tamén entre a comunidade educativa e xa neste primeiro mes 1.400 escolares participaron nas visitas didácticas a Galicia, un relato no mundo. Outros preto de 6.000 estudantes de centros de ensino primario e secundario de toda Galicia teñen xa reservada a súa quenda para achegarse á Cidade da Cultura a coñecer a mostra comisariada por Manuel Gago.

Tamén o programa de visitas comentadas para público xeral está a ter unha extraordinaria resposta de público, tanto a través das súas quendas regulares –programadas todos os días de martes a domingo ás 17.30 horas e con entrada libre– como do ciclo Historias na encrucillada –tamén de balde, con reserva previa–. A través deste programa de visitas especiais, todos os sábados pola mañá o público pode mergullarse dun xeito diferente na exposición, afondando nunha etapa histórica ou temática concreta da man de grandes expertos nesa materia. A Cidade da Cultura abrirá proximamente as vindeiras quendas de reserva para participar neste programa, que nas súas dúas primeiras citas –guiadas polo comisario Manuel Gago e a historiadora Pilar Cagiao– esgotaron as súas prazas horas despois de terse anunciado.

A exposición, que reúne na Cidade da Cultura numerosas obras senlleiras sobre os mitos, a historia e a memoria da identidade galega ao longo do tempo e do mundo, está a recoller tamén unha grande aceptación entre a crítica e a prensa xeral e especializada, con cabeceiras internacionais do prestixio de The Guardian que se fixeron eco da mesma.

Oportunidade única

Galicia, un relato no mundo ofrece ao público galego a oportunidade única de ver reunidas no Museo Centro Gaiás pezas chegadas de todo o mundo e cedidas por institucións do prestixio do Museo do Prado, o Trinity College de Dublín, a Universidade de Oxford ou o Museo Nacional de Arqueologia de Lisboa. Trátase de obras mestras do patrimonio universal como o Códice Calixtino do Vaticano, o Libro das Invasións, –onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán–, o Mapa de Sawley –considerado un dos primeiros mapa mundi enciclopédicos europeos, no que se representa a Catedral de Santiago como o edificio máis importante de Europa–,a Biblia Kennicott –manuscrito considerado unha xoia da iluminación medieval e a testemuña máis importante da presenza xudía en Galicia–, ou a icónica escultura Santa, de Francisco Asorey.

A exposición está organizada pola Consellería de Cultura e Turismo a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e conta coa colaboración do Consello da Cultura Galega, a Secretaría Xeral da Emigración e a Fundación HispanoJudía. Está enmarcada na programación do Xacobeo 2021, que conta con Estrella Galicia e Gadisa como patrocinadores especiais. Poderase visitar de balde no Museo Centro Gaiás ata o 12 de abril de 2020 en horario de 10,00 a 20,00 horas. No web cidadedacultura.gal pode consultarse toda a información sobre a mostra e o programa de actividades ao redor da mesma.

 
Galicia, un relato no mundo (Manuel G. Vicente)
Galicia, un relato no mundo (Manuel G. Vicente)
Galicia, un relato no mundo (Manuel G. Vicente)
Galicia, un relato no mundo (Manuel G. Vicente)