A Cidade da Cultura recibe 2022 cun espectáculo de Circo de Nadal e premios para a cativada máis creativa

Santiago de Compostela, 03 de Xaneiro de 2022

A Cidade da Cultura acolle este luns 3 de xaneiro o último dos espectáculos incluídos na programación do Nadal no Gaiás deste ano, unha proposta de La Fiesta Escénica especialmente deseñada e construída para levar ao escenario a maxia dos circos e do Nadal. As familias asistentes poderán abraiarse con animais animatrónicos, creados coa aparencia e o movemento de animais de verdade, ademais de especialidades circenses como aéreos, equilibrios, acrobacias ou malabares.

A compañía La Fiesta Escénica, creada na Arxentina pero asentada en Galicia, en Baiona, dende o 2001, conta con artistas locais e internacionais e a súa aposta pola creación de animais robóticos de gran realismo recibiu recoñecemento internacional. A proposta contou cunha excepcional acollida de público, esgotando as entradas dispoñibles ás poucas horas de pórse á venda, a un prezo de 5€.

Antes do espectáculo, a directora xerente da Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez Reboredo, fixo entrega dos premios aos nenos e nenas gañadoras do tradicional concurso de postais de Nadal organizado polo Gaiás para premiar a creatividade e orixinalidade da cativada de ata nove anos de idade. Os pequenos e pequenas participantes debuxaron a súa particular cidade ou paisaxe de Nadal a partir dun bosquexo descargable en liña. 

Os autores e autoras das seis máis orixinais recibiron cadanseu agasallo, consistente nun convite familiar ao espectáculo do Circo do Nadal no Gaiás ademais dun lote de contos, libro-discos e xogos educativos en galego, facilitados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Marabilloso Camiño de Inverno
Ata o vindeiro 6 de xaneiro, as persoas visitantes da Cidade da Cultura aínda poderán percorrer a instalación O marabilloso Camiño de Inverno no Hall de Tirantes do Museo Centro Gaiás. Con entrada de balde, a creación da escenógrafa galega Ana Inés Jabares-Pita transpórtanos á Ruta Xacobea atravesando un bosque de luz poboado por globos de neve xigantes e pequenos que atesouran no seu interior paisaxes, monumentos e cidades emblemáticas do Camiño. O marabilloso Camiño de Inverno propón un percorrido máxico que xoga coa luz e coas escalas, do xigante ao diminuto, e convida tamén a resolver o enigma de identificar as diferentes etapas do Camiño de Santiago.

Ana Inés Jabares-Pita conta cunha recoñecida traxectoria como escenógrafa e deseñadora para espectáculos de ópera, danza e teatro. Traballa principalmente no Reino Unido, onde colabora con algunhas das compañías de máis prestixio do país, como a English National Opera, o Royal Court Theatre ou a Royal Shakespeare Company, entre outras. O seu talento valeulle no ano 2013 o Premio Linbury, o galardón máis importante no ámbito da escenografía no Reino Unido.

As propostas de lecer do Nadal no Gaiás completáronse co tradicional alumeado exterior da Cidade da Cultura, teatro, obradoiros e espectáculos de maxia dirixidos á cativada. A programación arrancaba o pasado 17 de decembro cun concerto da cantaora Marina Heredia e a Sinfónica de Galicia, no que interpretaron unha selección de cancións antigas españolas. 

 
Espectáculo de Circo de Nadal con La Fiesta Escénica (Foto: Manuel G. Vicente)
Entrega dos premios do concurso infantil de postais da Cidade da Cultura (Foto: Manuel G. Vicente)
Postais de Nadal enviadas pola cativada para o concurso (Foto: Manuel G. Vicente)