Campamentos urbanos para a cativada ao redor das exposicións do Museo Gaiás

Foto: Manuel G. Vicente
Santiago de Compostela, 04 de Xullo de 2019

A Xunta de Galicia oferta campamentos urbanos para a cativada ao redor das dúas exposicións actuais do Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura: Valor e mestría. Galicia como fútbol e Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia. Trátase dunha proposta novidosa para o período que vai do 8 ao 19 de xullo e que se enxire dentro da programación de Verán no Gaiás co obxecto de ampliar e reforzar as actividades que conxuguen cultura e lecer, á vez que axuden a conciliar en épocas non lectivas.

Dirixidos á rapazada entre 8 e 12 anos, os campamentos urbanos do Museo Centro Gaiás celebraranse de luns a venres, de 10 a 14 horas. Están divididos en dúas quendas temáticas. Así, na primeira semana as actividades e obradoiros xirarán ao redor da exposición de fútbol Valor e mestría, mentres que a segunda semana centrarase na mostra de artesanía Pensar coas mans.

O prezo dos campamentos é de 15 euros por semana e, aínda que non se poden coller días soltos, si se poden mercar por semana temática e están dispoñibles descontos e ofertas que se poden consultar na páxina web da Cidade da Cultura. En ambos campamentos ofreceranse propostas que estimulan a creatividade da cativada cunha oferta de lecer vencellada á cultura e que non se basea exclusivamente no entretemento.

Do 8 ao 19 de xullo en dúas quendas

O primeiro dos campamentos urbanos no Museo Centro Gaiás celebrarase do 8 ao 12 de xullo. Neste caso, centrado en Valor e mestría, no que se farán xogos e actividades –como xincanas e concursos, entre outras– que procuran fomentar valores intrínsecos do deporte como o compañeirismo, solidariedade, igualdade e o respecto entre iguais.

O segundo campamento urbano celebrarase do 15 ao 19 de xullo e xirará ao redor de Pensar coas mans e onde a protagonista será a cerámica, á que a rapazada se achegará a través de diferentes e divertidos obradoiros, impartidos por tres artesáns de prestixio como son Montse Rego, Xaime Piñeiro e Pablo Barreiro.

A partir de actividades e xogos, os rapaces traballarán diferentes técnicas de cerámica coa que farán máscaras; pintarán e debuxarán pratos de cerámica; traballarán co torno de olería e incluso crearán entre todos un gran mural con azulexos.

Actividades familiares en contacto coa natureza

Ademais desta novidade na programación de estío, hai que lembrar que Verán no Gaiás caracterízase por unha ampla e variada oferta de actividades familiares e en contacto coa natureza, que demanda dunha programación para os rapaces que equilibre cultura e lecer.

Así, todos o venres de xullo, a cativada contará coa acampada de Unha noite no Bosque para coñecer os espazos verdes do Gaiás e tomar consciencia da importancia do patrimonio ambiental, nunha contorna natural única en Santiago de Compostela, como é o Bosque de Galicia.

Camiño ao Gaiás e as visitas Astronómicas completan esa oferta pensada para toda a familia en contacto co natureza, tanto para a descuberta ás tardiñas do xoves do verán de novas rutas para subir á Cidade da Cultura desde o casco histórico compostelán; como para deixarse marabillar polos segredos das estrelas e planetas do ceo nocturno de estío. A primeira quenda de Astronómicas é o 6 de xullo e xa está aberta a inscrición.

Os imprescindibles da programación familiar do Verán no Gaiás complétanse con Cidade Imaxinaria, festival pensado para toda a familia moi vencellado a espectáculos circenses, que neste 2019 terá lugar o sábado 24 de agosto.

 
Foto: Manuel G. Vicente
Foto: Manuel G. Vicente