Verán no Gaiás | Campamentos urbanos Pensar coas mans

Procurades actividades para a vosa cativada no verán, na que se divirtan á vez que estimulen a súa creatividade e gusto pola arte e a cultura? Anotádea nos Campamentos urbanos do Museo Centro Gaiás!

Baseados en obradoiros que estimulan a súa creatividade, estes campamentos responde á demanda que tedes nais e pais dunha oferta para a vosa cativada que permita conciliar nesta época non lectiva, pero que non sexan proxectos que se baseen exclusivamente no mero entretemento.

Deste xeito, neste campamento ao redor da exposición de artesanía Pensar coas mans procúrase unha aprendizaxe coa cerámica que quere ser dinámica e divertida e que estará impartida por tres artesás/artesáns de primeira orde do panorama actual Montse Rego, Xaime Piñeiro e Pablo Barreiro. A partir de diferentes actividades e xogos traballaranse diferentes técnicas da cerámica.

 

ACTIVIDADES

  • Obradoiro de máscaras: Neste apartado do campamento a cativada usará a técnica do molde para facer as súas máscaras que despois decorarán de forma personalizada
  • Mural cerámico: entre todos deseñaremos un gran mural de cerámica onde cada un das e dos rapaces aportará unha parte do mesmo co seu propio azulexo
  • Decoración de pratos: neste caso traballaremos con pezas xa fabricadas e as e os rapaces centraranse na súa decoración
  • Nun campamento sobre cerámica non podía faltar o torno alfareiro no que a cativada poderá modelar ao ritmo da roda as súas pezas favoritas

 

OBXECTIVOS

  • Comprender e aprender as diferentes técnicas da cerámica
  • Traballar pezas baixo as pautas concretadas dadas polos artesáns/artesás
  • Entender as diferentes formas de decoración da cerámica
  • Fomentar o traballo en común e respectar o traballo dos compañeiros/as, buscando o fornecemento da empatía
  •  Creación de pezas colectivas e a importancia do traballo en equipo

 

Nas actividades coceranse as pezas colectivas para a creación de todo o campamento. Ademais cada rapaz/rapaza levará cocida para a súa casa unha das pezas elaboradas no torno e unha das máscaras.