Aberta a inscrición para a Holi Gaiás do 5 de maio para dar a benvida á primavera

Santiago de Compostela, 11 de Abril de 2018

Xa está aberta a inscrición para a Holi Gaiás do sábado 5 de maio! Cidade da Cultura de Galicia convida a dar a benvida á primavera cunha actividade saudable, en contacto coa natureza e sobre todo divertida como é a carreira Holi Gaiás, que tras o éxito de participantes do ano pasado volver ser a protagonista do programación de Cidade Verde, que tamén inclúe andainas polos novos sendeiros do Bosque de Galicia e unha demostración con papaventos para tirar proveito e vantaxes do vento tan característico do cumio do monte Gaiás.

Holi Gaiás volve á Cidade da Cultura e con ela o seu espírito nada competitivo, no que o importante non é gañar senón celebrar a chegada da primavera cunha explosión de cores. Inspirada no festival ‘Holi’ da India, grandes e pequenos percorrerán, a partir das 12 horas, 5 quilómetros do Bosque de Galicia e o complexo arquitectónico.

Patrocinada por Viaqua e coa colaboración da Fundación USC Deportiva e a Federación Galega de Atletismo, a Holi Gaiás 2018 procura superar o éxito da edición do pasado ano, na que participaron 600 persoas que se contaxiaron da música que os animou durante todo o percorrido e non pararon de bailar, rir, choutar e cantar acompañados en todo momento por fumes multicores que crearon un ambiente distendido e de diversión.

Con esta intención, a inscrición nesta carreira está aberta a un milleiro de participantes e recolle a posibilidade de participar en dúas categorías: unha para escolares (ano de nacemento entre 2003 e 2008) e outra para adultos (ano de nacemento en 2002 ou anteriores). Así mesmo e a pesar do carácter lúdico e non competitivo desta carreira, si que se terá en conta os e as máis espelidas da Holi Gaiás deste ano cunha medalla conmemorativa cos tres primeiros e primeiras corredoras de cada categoría.

Andainas Cidade Verde
Co obxectivo de dar a coñecer os espazos verdes do Gaiás, Cidade Verde inclúe tres andainas polo Bosque de Galicia a través dos novos sendeiros conseguidos coa ampliación que se está a levar a cabo e que permitirá que este gran pulmón verde de Santiago de Compostela aumente de 24 a 34 o número de hectáreas.

Deste xeito, contarase para a tarde do 5 de maio cunha andaina interpretativa sobre o espazo do Bosque de Galicia en si; outra ornitolóxica sobre as aves que habitan na zona; e unha micolóxica que permitirá coñecer a vexetación e as especies autóctonas desta área verde. Todas elas suporán descubertas do hábitat e da flora e fauna do monte Gaiás que seguro abraiarán a moitos dos participantes.

Papaventos no Gaiás
Completará esta xornada de contacto coa natureza a través de accións lúdicas de Cidade Verde, a actividade de Papaventos no Gaiás. Con esta acción, o ceo do monte Gaiás cubrirase de formas, cores e movementos sorprendentes nun xeito divertido de tirar proveito dos ventos tan característicos da zona e tamén como un plan en familia, no que grandes e pequenos se acheguen á construción, deseño e manexo destes trebellos que cativan a todas as idades e xeracións.