Certame CreaGaiás 7x7

No marco da xornada CREAGAIÁS 2018, e co obxectivo de potenciar a traxectoria de novos talentos no eido da fotografía e de visibilizar as empresas e proxectos residentes no Centro de Emprendemento, ponse en marcha un certame de reportaxes fotográficas co emprendemento como eixo.

O concurso está dirixido a estudantes e fotógrafos non profesionais, ou persoas con interese na fotografía e as artes visuais. A reportaxe a presentar a concurso consistirá nunha serie de sete imaxes que retraten o día a día dunha das persoas emprendedoras, empresas ou proxectos creativos do Gaiás, a modo de diario visual que transmita a realidade do seu día a día como profesional e o esforzo invisible detrás tanto do traballo emprendedor como do traballo creativo.

Para participar cómpre inscribirse, de balde e ata o 21 de marzo de 2018, a través do seguinte enderezo electrónico: http://bit.ly/CreaGaias7x7. A organización emparellará a cada participante cunha das empresas obxecto da reportaxe para a elaboración do diario visual.

A reportaxe gañadora será elixida por un xurado especializado e galardoada cun premio dotado con 1.200€ que se entregará o 13 de abril na Cidade da Cultura, no marco da xornada CREAGAIÁS.

Poden consultarse as bases de participación no apartado de descargas desta mesma páxina.