CreaGaiás

O 13 de abril a Cidade da Cultura acolle a xornada CREAGAIÁS, unha iniciativa lúdico-formativa que nace co obxectivo de potenciar o emprendemento e a creatividade así como darlle visibilidade as empresas e proxectos residentes no Centro de Emprendemento do Gaiás. Nesta primeira edición, CREAGAIÁS pon o acento na imaxe e en como empregala de forma eficaz a través das redes sociais para facer visible o traballo das persoas emprendedoras. Para rematar a xornada, a banda española TULSA ofrecerá un concerto acústico onde presentará algúns temas do seu novo traballo Centauros.

A xornada está especialmente dirixida a persoas emprendedoras e profesionais do sector creativo, así como a público interesado en aprender sobre xestión de marca e imaxe na contorna dixital ou en coñecer de primeira man as empresas residentes no Centro de Emprendemento.

Como prólogo da xornada, póñense en marcha ademais dous certames de fotografía co emprendemento como eixo. Un deles de reportaxes fotográficas, dirixido a estudantes e fotógrafos non profesionais; e outro dirixido a instagramers de toda galicia animándoos a publicar todo tipo de imaxes relacionadas co emprendemento. As mellores imaxes serán premiadas o 13 de abril en CREAGAIÁS. Pode consultarse aquí toda a información e as bases de participación de ambos certames:

PROGRAMA DA XORNADA 

16:00 horas: Obradoiro de imaxe e marca na contorna dixital, especialmente dirixido a persoas emprendedoras e profesionais do ámbito das industrias culturais. Estará impartido por Iván L. Gimeno, especialista en xestión de redes sociais, country manager de Kafe Rocks e socio de Valumbo, consultora de desenvolvemento de negocio e transformación dixital de empresas.

17:00 horas: Entrega de premios ás persoas galardonadas nos concursos de fotografía enmarcados en CREAGAIÁS e inauguración da exposición das mellores imaxes presentadas.

17:30 horas. Apertura do Mercado de Emprendemento Creativo, onde coñecer os proxectos residentes no coworking da Cidade da Cultura, intercambiar experiencias e establecer contactos con clientes e colaboradores. 

A partir das 18:00 horas: Faladoiro con Miren Iza e Jose Luis Martín-Serrano, integrantes do grupo musical Tulsa sobre procesos creativos, rutinas do emprendemento e uso da imaxe e as redes na vida profesional dos creadores. Faladoiro co autor da mellor reportaxe fotográfica e a persoa emprendedora protagonista da mesma.

A partir das 18:30 horas: Merenda-networking cos emprendedores do Centro de Emprendemento do Gaiás. Dinamizado polo DJ Manuele Caamagno. Cortesía de Vermut Lodeiros e Gallegas Daveiga.

A partir das 19:30 horas: Concerto acústico de Miren Iza e Jose Luis Martín-Serrano, de Tulsa, presentando temas míticos da súa carreira e outros do seu novo disco Centauros.

CREAGAIÁS é un proxecto organizado pola empresa de xestión cultural Correveydile co apoio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Conta ademais coa colaboración da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, e coas empresas Daveiga e Vermut Lodeiros. 

 
Intercambio