Como é vivir no Pacífico? | Visita á exposición «Voces do Pacífico» coa arqueóloga María Cruz Berrocal

Durante milenios, a humanidade explorou as augas do Pacífico: establecendo o seu fogar nese mar de illas, os habitantes de Oceanía demostraron un grande enxeño, resiliencia e habilidade para adaptarse a lugares con recursos escasos e para viaxar a través dunha complexa rede de territorios conectada polo océano máis inmenso e perigoso do planeta.

Para comprender mellor como é vivir nas illas de Oceanía, mergullámonos na exposición Voces do Pacífico cunha visita especial conducida por unha das investigadoras españolas máis relevantes en materia de Asia-Pacífico. María Cruz Berrocal é arqueóloga histórica e científica titular do Insituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit‑CSIC) cunha consolidada carreira centrada no estudo crítico do colonialismo europeo e os impactos que causou nas sociedades das illas que integran esta extensa rexión.   

Da man desta investigadora, o público poderá afondar nos retos que enfrontan os pobos de Oceanía, desde cuestións actuais como o cambio climático, que ameaza a propia supervivencia de moitas illas do Pacífico, ata períodos históricos como a citada colonización europea, a través do conxunto de pezas exhibidas.

María Cruz Berrocal

Formada na Universidade Complutense de Madrid e especializada inicialmente en Prehistoria, María Cruz Berrocal conta cunha traxectoria internacional marcada por estancias en Berkeley, Academia Sinica e a Universidade de Konstanz (Alemaña). As súas liñas de investigación achéganse aos primeiros contactos europeos na rexión, o impacto social e ecolóxico do colonialismo ibérico, a reconstrución das experiencias das comunidades locais fronte á expansión europea e a análise arqueolóxica de enclaves coloniais.

Sempre cun enfoque que combina arqueoloxía, historia e análise das dinámicas coloniais, María Cruz Berrocal desenvolveu proxectos de campo en Fiji, Wallis, Futuna, ou as Illas Marianas, traballando tamén sobre a prehistoria recente de Taiwán e os procesos de continuidade, resistencia e cambio cultural, integrando estes estudos en proxectos internacionais como PacificPeopleForest, e diversas campañas financiadas por programas europeos e fundacións especializadas.

Gaiás inspira

Esta actividade encádrase na liña de programación Gaiás_Inspira, que abrangue diferentes accións divulgativas, lúdicas e didácticas ao redor das exposicións do Museo Centro Gaiás, dirixidas ben a público adulto, ben a infantil e xuvenil, con propostas innovadoras que converten as salas do Museo nun espazo vivo, aberto á participación do público e á aprendizaxe compartida.

 
Visitar