A exposición As estacións do ano convida a abrir os sentidos, camiñar devagar e centrar a atención en cada obra de arte. Para intensificar esta experiencia, a comisaria Mónica Alonso deseñou as visitas sensoriais Segunda pel de inmersión espacial, que propoñen unha nova perspectiva sobre a mostra. Nelas, o público asistente vestirá prendas monocromas iguais que se lles facilitarán ao inicio da visita para integrarse visualmente no espazo expositivo, xerando unha continuidade cormática que transforma a percepción e a relación coas obras.
A proposta parte da idea do vestido como extensión do corpo e inspírase en achegas da fenomenoloxía, a neuroarquitectura e a psicoloxía ambiental. A través da uniformidade visual, búscase favorecer a concentración, reducir distraccións e propiciar unha experiencia máis inmersiva, incorporando ademais unha dimensión case ritual no modo de habitar e percorrer a exposición.
As visitas de Segunda pel desenvolveranse os sábados do 18 de abril ao 23 de maio, ás 12:00 horas. A primeira será conducida pola propia Mónica Alonso, mentres que as seguintes serán en colaboración co Servizo de Educación e Mediación da Cidade da Cultura. Están dirixidas a público adulto e xuvenil e para participar é necesario reservar praza, de maneira gratuíta, na columna dereita da web.
Gaiás inspira
Esta actividade encádrase na liña de programación Gaiás_Inspira, que abrangue diferentes accións divulgativas, lúdicas e didácticas ao redor das exposicións do Museo Centro Gaiás, dirixidas ben a público adulto, ben a infantil e xuvenil, con propostas innovadoras que converten as salas do Museo nun espazo vivo, aberto á participación do público e á aprendizaxe compartida.





