Soños de Argonautas | Instalación do Nadal no Gaiás 2025-26

Unindo poesía, tempo e historias, a instalación Soños de Argonautas, proxectada pola arquitecta Nuria Prieto, crea no Museo Centro Gaiás unha atmosfera onírica que evoca a pegada do Nadal que habita nas nosas lembranzas. Un conxunto de estruturas inchables forman unha paisaxe branca e dourada, con grandes esferas e corredores translúcidos: un lugar habitado por historias máxicas e tan repletas de aventuras como as dos lendarios tripulantes do Argos, que sucaron os mares da imaxinación na antiga Grecia e viaxaron a través do tempo ata seguir relatando as súas andanzas hoxe en día. 

A instalación constrúese con membranas de plástico reciclable e iluminación led, sendo unha parte da mesma transitable no seu interior. Co material sobrante da construción das estruturas elaboraranse en comunidade adornos para a árbore de madeira do Gaiás: grilandas formadas por flocos de "neve" que levarán escritos os nosos mellores desexos para este Nadal. Pois se hai un momento no ano no que é posible facer realidade un soño, ese é o tempo do Nadal, onde os soños poden viaxar como barcos polo tempo, debuxando unha paisaxe construída, case, con aire.

« El sueño va sobre el tiempo
   flotando como un velero
   (...)
   Y si el sueño finge muros
   en la llanura del tiempo,
   el tiempo le hace creer
   que nace en aquel momento »

«Así que pasen cinco años (La Leyenda del Tiempo)» Federico García Lorca

Obradoiros e visitas guiadas

Soños de Argonautas acollerá visitas guiadas pola súa autora, e tamén obradoiros para público familiar destinados a fabricar grilandas para a árbore e tamén construír entre todas, coma se dunha nube se tratase, unha nova estrutura inchable única. Preme nas ligazóns para ter máis información e reservar praza:

Obradoiro Vivir nas nubes Obradoiro Árbore dos desexos  Visitas guiadas

 

Nuria Prieto

Soños de Argonautas é unha creación de Nuria Prieto (Ponferrada, 1985), arquitecta e doutora pola Universidade da Coruña, especializada en arquitectura, rehabilitación e deseño expositivo. A súa traxectoria combina a práctica profesional coa investigación e a divulgación arquitectónica. Participou en proxectos recoñecidos internacionalmente, como o pavillón español Unfinished na Bienal de Venecia —gañador do León de Ouro— e o proxecto de investigación Gaza: A house for 1.5m in-habitants, xunto ao arquitecto Michael Sorkin. Na actualidade desenvolve o seu traballo entre a docencia, a edición —como parte do equipo da revista Tectónica— e a creación de arquitecturas efémeras e experimentais, explorando o potencial pedagóxico e urbano das estruturas inchables.