Achégate á mostra Tattoo. Arte baixo a pel nun percorrido guiado polo persoal especializado do Museo Gaiás que afonda na simboloxía, técnicas, estéticas e confluencias que converteron a tatuaxe nunha forma de expresión artística e nun fenómeno global en constante evolución.
De elemento ritual practicado polas sociedades tradicionais ao seu uso como medida punitiva e marca de marxinación, a tatuaxe estivo presente en todas as culturas do mundo en diferentes épocas, e conseguiu sobrevivir ata transformarse en motivo de orgullo e manifestación da individualidade.
Unha historia que segue a tatuadores e persoas tatuadas polos cinco continentes, contada a través de 240 obras históricas e contemporáneas procedentes de 18 países do mundo: pinturas, debuxos, libros, ferramentas para tatuar, máscaras, fotografías, selos, audiovisuais... e unha vintena de modelos de silicona tatuados que permiten admirar nun formato único e innovador os diferentes estilos e técnicas dalgúns dos mellores artistas da tatuaxe contemporánea.
Producida polo musée du quai Branly – Jacques Chirac de París coa Fundación Cidade da Cultura e a colaboración da Fundación "la Caixa", Tattoo. Arte baixo a pel está comisariada por Anne Richard, destacada axente cultural da arte europea de vangarda e fundadora da influente revista HEY! Modern Arte & Pop Culture.
Información a ter en conta
- De balde
- As visitas comentadas precisan reserva previa: podes comprobar na columna da dereita as datas, horario e dispoñibilidade. Tamén podes reservar directamente no Punto de información do Museo.
- Os/as menores que asistan á visita deberán estar sempre acompañados/as dunha persoa adulta responsable.
- A exposición pode tamén visitarse por libre, sen guía, sen necesidade de reserva previa.
- Deberán seguirse en todo momento as instruccións do persoal responsable da visita.






