«Yule». Un Nadal viquingo no Gaiás | Instalación do Nadal no Gaiás 2024-25

Coa exposición Unha vida viquinga como pano de fondo, o mundo nórdico serve de inspiración para a instalación que adobía o Museo Centro Gaiás este Nadal 2024-25, na que poderemos achegarnos a outras tradicións e símbolos do Nadal e gozar do tempo compartido en familia escoitando contos ao carón do lume e participando en divertidos obradoiros creativos.

Yule, yuletide, júl ou jól son algúns dos termos cos que se coñecían os festexos do solsticio de inverno entre os pobos xermánicos e nórdicos, unha celebración precristiá na que, ao igual que hoxe, a familia e os amigos (ausentes e presentes), a comida e a xuntanza arredor do lar tiñan un importante protagonismo. A decoración do Hall de tirantes do Museo este Nadal, asinado polo deseñador David Carballal, achéganos a algunhas das tradicións deste yule nórdico, no centro das cales atopamos a nosa grande árbore de madeira convertida en representación do Yggdrasil, a árbore da vida na mitoloxía nórdica, que nesta ocasión reloce cun xogo de cores que representan o ciclo anual de nacemento, vida e morte que segue o curso das estacións.

Comezamos o percorrido cun barco que chegou a porto —convertido en divertido photocall— e cun camiño de fachos que nos conduce ata a fogueira do lar, onde arde o tizón que debe manter vivo o lume toda a noite para escorrentar os malos espíritos. Non falta tampouco no espazo unha gran cabra de yule, figura mítica que chega aos nosos días como un dos principais símbolos do Nadal escandinavo: as cabras de palla que decoran cada ano as casas nórdicas, en lembranza desta figura simbólica que porta agasallos para a rapazada e que seguramente ten as súas raíces nas dúas cabras mitolóxicas que tiraban da carruaxe voadora de Thor.

Obradoiros e contacontos

Na instalación non falta un pequeno espazo de "poboado viquingo", onde poder gozar de obradoiros creativos en familia nos que deseñar desde pezas de "xoiería viquinga" con materiais sinxelos, experimentar coa pintura corporal a través de "tatuaxes temporais" de runas ou símbolos viquingos, ou modelar e decorar en papel o noso propio barco ou cabra de yule. Tamén o noso pequeno lar viquingo acollerá sesións de contacontos para compartir relatos e tempo cos pequenos e pequenas da casa nestes días de festa. Preme aquí para consultar toda a información.

E antes de marchar, non esquezades probar o noso xogo de lanzamento de bólas de neve, co que vos convidamos a vencer e espantar todos eses "trasnos" que ao longo do ano nos foron cargando con medos e atrancos. Afinade o ollo e poñede a puntaría a proba!

 
En familia
 
14 Mar 2026
De 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas