Con motivo da exposición Con-Fío en Galicia, a Cidade da Cultura organiza unhas xornadas coas que reflexionar sobre o mundo da moda desde múltiples vertentes: expositiva, artística, económica e social.
A mostra de moda e téxtil da Cidade da Cultura convértese na excusa perfecta para reflexionar sobre a relación da moda coa arte: o seu papel de fonte de inspiración para diferentes creacións, a súa conversión en obxecto artístico e, polo tanto, en elemento central do discurso expositivo, facendo habitual a súa presenza en grandes museos: desde o MoMA de Nova York ao Victoria & Albert de Londres ou o Thyssen-Bornemisza de Madrid.
Da man de expertos das máis diferentes disciplinas, as xornadas académicas abordarán tamén os aspectos máis materiais da moda -como a produción téxtil, o deseño, a produción e a comercialización- e o seu papel fundamental como creadora de imaxe e de identidades persoais e colectivas. Deseñadoras como Sara Coleman, responsables de coleccións de museos como Guillermo Solana e creadores de imaxe como o fotógrafo Manuel Outumuro contribuirán a esta reflexión colectiva sobre o mundo da moda, a arte e o téxtil que pretenden ser estas Xornadas Académicas.
265.35 KB |