En xaneiro, o Museo Centro Gaiás programa dúas visitas especiais á exposición Francisco Asorey. Unha recuperación necesaria guiadas polo escultor galego contemporáneo Pablo Barreiro.
Pensadas para ampliar o coñecemento do público sobre a técnica, os procesos e a traxectoria de Asorey, escultor a quen se lle dedicou o Día das Artes Galegas en 2024, estas visitas teñen carácter gratuíto e diríxense a público adulto e xuvenil. A reserva de praza pódese realizar na columna dereita da web.
Visita comentada con Pablo Barreiro | Domingos 18 e 25 de xaneiro
Escultor cunha consolidada traxectoria na creación contemporánea, Pablo Barreiro ofrecerá nesta visita unha análise das obras máis representativas da exposición, acompañada dunha explicación técnica pero accesible ao redor dos principais procedementos de traballo desenvolvidos por Francisco Asorey, como o modelado en escaiola ou a talla, tanto na pedra como na madeira.
Nun diálogo entre tradición e contemporaneidade, o percorrido servirá para comprender a vixencia e a importancia do legado de Francisco Asorey na escultura, as súas influencias e as innovacións que desenvolveu ao longo da súa traxectoria.
Pablo Barreiro (Meaño, 1982) explora no seu traballo a capacidade dos materiais para formular métodos de produción transversais. Investigando, entre outros, os principios básicos da cerámica, ou cemento ou a escaiola (repetición, funcionalidade, multiplicación...), consegue cuestionar as súas limitacións históricas para moverse nun espazo de hibridación entre a arte e a artesanía.
Gaiás inspira
A actividade encádrase na nova liña de programación Gaiás_Inspira, que abrangue diferentes actividades divulgativas, lúdicas e didácticas ao redor das exposicións do Museo Centro Gaiás, dirixidas ben a público adulto, ben a infantil e xuvenil, con propostas innovadoras que converten as salas do Museo nun espazo vivo, aberto á participación do público e á aprendizaxe compartida.






