Na primeira fin de semana de apertura de Ser Noutras. Diálogos coa colección de arte galega do Museo Reina Sofía contaremos co privilexio de afondar na exposición cunha das súas comisarias, Verónica Santos Farto, e acompañala neste percorrido que nos leva a redescubrir unha colección de arte non como un patrimonio estático nin concluído, senón como un organismo vivo, que pode ser relido e reactivado desde o presente.
Ser Noutras achéganos á arte galega que atesoura a colección do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía a través de 18 diálogos artísticos, onde estas obras, asinadas por figuras como as de Maruja Mallo, Virxilio Viéitez, Julia Minguillón, Berta Cáccamo, Elena Colmeiro, Francisco Leiro, Menchu Lamas ou Xurxo Lobato, se reflicten (son) noutras pezas, moitas delas inéditas, creadas para este proxecto por nomes como os de Marta Pazos, Chelo Matesanz, Julia Huete, Xisela Franco, Lois Patiño, Jacobo Bugarín, Yoseba MP ou Rodríguez-Méndez.
Verónica Santos Farto
Licenciada en Historia da Arte Moderna e Contemporánea e Historia, Xeografía e Historia da Arte de Galicia pola USC; máster en Xestión de Bens Culturais e Patrimonio pola Universidade da Coruña e Posgrao en Museoloxía Moderna polo centro Liceus e Universidade de Alcalá de Henares. Realizou as tarefas de coordinación de proxectos expositivos e didácticos da Fundación Cidade da Cultura entre 2011 e 2025, ano desde o que é a directora de Acción Cultural desta institución. Para o Museo Centro Gaiás comisariou exposicións como Ser Noutras. Diálogos coa colección de arte galega do Museo Reina Sofía xunto a Chus Martínez (2026-27), Pensar coas Mans. Cerámica, cestería e xoiería de Galicia (2019) e Traballo en equipo. 30 anos de CGAC xunto a Santiago Olmo en 2023.
Gaiás inspira
A actividade encádrase na liña de programación Gaiás_Inspira, que abrangue diferentes actividades divulgativas, lúdicas e didácticas ao redor das exposicións do Museo Centro Gaiás, dirixidas ben a público adulto, ben a infantil e xuvenil, con propostas innovadoras que converten as salas do Museo nun espazo vivo, aberto á participación do público e á aprendizaxe compartida.







